Barreiros acolle a XII Carreira Popular das Praias o 3 de abril

AMariñaXa
A proba, integrada no circuíto +kmsBarreiros, combinará deporte e paisaxe cun percorrido pola costa e actividades para todas as idades
carreira-das-praias-barreiros-2025
26 Mar 2026

Barreiros volverá converterse nun referente do deporte ao aire libre coa celebración da XII edición da Carreira Popular das Praias, unha cita xa consolidada no calendario deportivo da Mariña que terá lugar o vindeiro 3 de abril. O evento reunirá a centos de participantes nunha xornada que mestura actividade física, convivencia e posta en valor do litoral do municipio.

A presentación contou coa presenza de integrantes da asociación cultural e deportiva Praias de Comado, entidade organizadora, así como da alcaldesa, Ana Ermida; o concelleiro de Deportes e deputado provincial, Dani García; e o xefe provincial de Deportes da Xunta, Manuel Otero.

A carreira principal desenvolverase sobre un percorrido de 7,5 quilómetros pola area das praias, con saída e chegada na praia de Coto. Trátase dun trazado que destaca pola súa singularidade, ao permitir gozar dun entorno natural privilexiado mentres se practica deporte.

A programación inclúe tamén probas para as categorías de menores, con inscrición gratuíta, e unha andaina de 9 quilómetros pensada para aquelas persoas que prefiran participar a un ritmo máis pausado.

O prazo para inscribirse permanecerá aberto ata o 31 de marzo a través da web do circuíto +kmsBarreiros. A cita supera xa as 300 persoas rexistradas, confirmando a boa acollida desta proba, que forma parte dunha iniciativa municipal destinada a promover hábitos saudables e dinamizar o territorio.

0.14178991317749