Barreiros acolle a XII Carreira das Praias cunha participación de récord

O concello de Barreiros converterase este mércores 3 de abril nun punto de encontro para o deporte ao aire libre coa celebración da XII edición da Carreira das Praias, unha proba xa consolidada que combina actividade física e contacto coa natureza.
A saída terá lugar na Praia de Coto, escenario principal dunha xornada que reunirá a centos de participantes nunha edición que a organización cualifica como de “récord”. A carreira absoluta, cun percorrido de 7 quilómetros, suma xa 261 persoas inscritas, ás que se engaden arredor de 180 nenos e nenas nas categorías inferiores e unhas 70 persoas na andaina popular de 9 quilómetros.
A proba está organizada pola asociación Praias de Comado en colaboración co Concello de Barreiros, que a integra no seu Circuíto +Kms Barreiros 2026, unha iniciativa que promove o deporte e os hábitos saudables ao longo do ano.
As persoas participantes deberán recoller o seu dorsal na carpa habilitada no aparcadoiro da Praia de Coto ata quince minutos antes do inicio de cada proba. Como é habitual neste circuíto, todos os nenos e nenas recibirán unha medalla conmemorativa pola súa participación, ademais dos premios establecidos para as diferentes categorías competitivas.
Na categoría absoluta, os gañadores individuais e o primeiro club clasificado serán premiados cun lote de produtos de porco celta, grazas á colaboración de Asoporcel co circuíto deportivo local.
A Carreira das Praias constitúe a segunda cita do Circuíto +Kms Barreiros tras a carreira de Reis celebrada a comezos de ano. A esta proba chegan como líderes da clasificación xeral os corredores Óscar Buján e Carla Trillo, que buscarán manter a súa posición nunha competición que promete emoción e gran ambiente.