Barreiros abre unha bolsa de emprego para o servizo de axuda no fogar

AMariñaXa
Tamén o Concello de Viveiro adxudicou de forma definitiva o novo contrato do SAF con preto de 250 usuarios
maiores-servicio-de-axuda-no-fogar1
12 Nov 2024

Desde o 11 de novembro e ata o 22 de novembro, estará aberto o prazo para anotarse na bolsa de emprego do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) como persoal laboral temporal no Concello de Barreiros.

As instancias poderán presentarse de 9.30 a 14.30 horas, no Rexistro xeral do Concello de Barreiros. Tamén poderán presentarse a través da sede electrónica municipal e tamén se poderán remitir na forma determinada no artigo 16.4 da Lei 39/2015 segundo o establecido nas bases. As bases e a solicitude están dispoñibles na web municipal no apartado de Emprego Público/Bolsas de Emprego.

O CONCELLO DE VIVEIRO DÁ SERVIZO A 250 VECIÑOS E VECIÑAS

O Concello de Viveiro adxudicou de forma definitiva á empresa Idades SL o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nas súas dúas modalidades de libre concorrencia e dependencia. Este novo contrato, que ten un prazo inicial de dous anos con posibilidade de prórroga de dous anos máis, permitirá continuar prestando un servizo esencial que conta cun elevado número de usuarios, en torno aos 250.

O custo por hora previsto na licitación é de 20,39 euros por hora, máis o 4 % de IVE, polo que a suma total do contrato no prazo inicial do mesmo é de 3.520.129,60 euros.

“É importante destacar a importancia da Axuda no Fogar e sinalar que a achega da Xunta de Galicia é insuficiente, xa que aporta 12 euros por hora na modalidade de dependencia, cando o custo por hora no contrato é de 21, e nin un só euro na modalidade de libre concurrencia”, lembra a alcaldesa, María Loureiro.

Nese sentido, considera necesario “que a Xunta de Galicia asuma o total do custo en dependencia, ao ser unha competencia autonómica, e aporte cartos para a modalidade de libre concurrencia”. No caso do SAF de libre concurrencia, no ano 2023 tivo un coste de 402.653,35 euros, dos que a, asegura, a Xunta de Galicia non achegou nada. “Este importe pagouse integramente entre fondos propios do concello, a achega mínima que fan os usuarios do servizo e os 200.000 euros que achega a Deputación de Lugo”, remata a alcaldesa.

0.17007994651794