Balseiro pide o mesmo trato ao FEVE de Galicia que o que ten o de Asturias

AMariñaXa
O deputado mariñán, José Manuel Balseiro, advirte que o Goberno de Sánchez volve a incorrer nunha situación de discriminación con Galicia.
6 Apr 2024

O deputado mariñán, José Manuel Balseiro, advirte que o Goberno de Sánchez volve a incorrer nunha situación de discriminación con Galicia. De feito, mentres na nosa Comunidade inviste 0€ na modernización do FEVE, en Asturias vén de anunciar un investimento de 65 millóns de euros mellorar a liña entre Xixón e Ribadeo, unha cifra que se eleva ata o 128 millóns de euros, se lle engadimos o investimento nas obras que están en marcha nese mesmo traxecto asturiano”. Por iso, o Grupo Popular presentará iniciativas no Parlamento galego para instar ao Goberno de España a “dar o mesmo trato a Galicia -no tramo entre Ferrol e Ribadeo- que a Asturias”.

Os populares piden, concretamente, que o Executivo estatal estenda a Galicia os investimentos dirixidos á mellora da sinalización e modernización da rede de ancho métrico, como mínimo, nas mesmas condicións que nos treitos asturianos. Balseiro lembra que o treito galego está moito máis necesitado de inversións xa que “a liña que discorre entre Ferrol e Ribadeo é das máis antigas de España e está sen electrificar”.

A iniciativa contempla ademais outras tres demandas: que se “recuperen as frecuencias que tiñamos antes da pandemia e que aínda non están operativas”, intensificar as labores de mantemento, “para que os trens non teñan que pasar por debaixo das silvas e toxos que cruzan a vía” e que o Goberno central “dote a FEVE de máis persoal, porque se foron amortizando prazas e non se cubriron vacantes”.

Pero este non é o único caso de discriminación a Galicia. De feito, Balseiro lembra que “mentres en Asturias e Cantabria se viaxa gratis no FEVE porque o Goberno de Sánchez acordou con estas comunidades compensalas polo erro dos 31 convois encargados que non collían polos túneles, en Galicia hai que pagar a pesar de estar na mesma liña”. É dicir, “o billete en Ribadeo hai que pagalo, pero en Vegadeo -a uns 10 km- xa viaxan gratis”.

REDUCIÓN DO 60% DAS LIÑAS ANTE O SILENCIO DE PSOE E BNG

Balseiro advirte tamén do “desmantelamento” da liña de FEVE poñendo como exemplo a falta de persoal e a redución de frecuencias con respecto ao ano 2018. “Cando Sánchez entrou no Goberno, nesta liña había 10 frecuencias -5 pola mañá e 5 pola tarde cara a Xixón e Ferrol-, pero na actualidade só hai 4 -2 pola mañá cara a Ferrol e Xixón e 2 pola tarde. É dicir, reducíronse máis do 60% das liñas e frecuencias con respecto ao 2018”, subliña.

“Daquela os alcaldes de PSOE e BNG manifestábanse, pero agora parece que quedaron mudos”- asegura Balseiro.

0.12103295326233