Balseiro levará ao Senado unha moción para desbloquear a cesión do antigo colexio Pedrosa Latas de Celeiro

AMariñaXa
A iniciativa reclama que o Goberno de España transfira a titularidade do inmoble ao Concello de Viveiro para poñelo ao servizo da veciñanza
antigo-colexio-celeiro
15 Dec 2025

O senador do Partido Popular José Manuel Balseiro defenderá no Senado unha moción coa que busca desbloquear a cesión do antigo colexio Antonio Pedrosa Latas, situado en Celeiro. A proposta será debatida e votada na vindeira sesión da Comisión de Seguridade Social da Cámara alta, prevista para este luns, 15 de decembro, ás 15.30 horas, e reclama o traspaso da titularidade do inmoble ao Concello de Viveiro.

Desde o PP lembran que xa existe un acordo do Pleno municipal de Viveiro, aprobado por ampla maioría en xuño de 2025, no que se solicitaba formalmente a cesión deste edificio, que actualmente se atopa sen uso e nun estado de deterioro progresivo. Unha situación que os populares consideran especialmente grave nun municipio que precisa novos espazos de titularidade pública para usos sociais, educativos ou asociativos.

Balseiro subliña que esta demanda non é nova e critica que o Goberno de España, integrado por PSOE e Sumar e apoiado polo BNG, optase por manter o inmoble pechado e abandonado en lugar de autorizar unha cesión gratuíta ao concello. O senador vai máis alá e acusa ao Executivo de Pedro Sánchez de intentar facer negocio coa venda do edificio, lembrando que chegou a saír a poxa por máis de 400.000 euros, sen éxito, previsiblemente polo seu mal estado de conservación.

Á solicitude municipal súmanse outros acordos institucionais, como o aprobado en 2021 polo Parlamento de Galicia, tamén a iniciativa do Grupo Popular, que reclamaba por unanimidade a cesión gratuíta deste ben ao Concello de Viveiro. Segundo Balseiro, nin a Tesourería Xeral da Seguridade Social nin os responsables do goberno local daquel momento, un bipartito entre PSOE e BNG, amosaron interese en facer efectivo aquel acordo.

O antigo colexio Antonio Pedrosa Latas é propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social tras a cesión do solar por parte da Confraría de Pescadores e da Unión de Fabricantes de Conserva. Inaugurado en 1955, estivo en funcionamento ata 1998, cando a actividade lectiva se trasladou ao novo centro educativo. Desde entón, a falta de mantemento por parte do Estado provocou unha degradación progresiva do edificio.

Ao longo dos anos, diferentes proxectos puxeron o foco neste inmoble, entre eles a súa rehabilitación para albergar a Escola Oficial de Idiomas, unha iniciativa na que mesmo a Xunta de Galicia se amosou disposta a cofinanciar as obras, ou propostas máis recentes para destinalo ao tecido asociativo local. Ningunha destas opcións chegou a materializarse. Balseiro lamenta que o bloqueo do Goberno central e, ao seu xuízo, a falta de vontade política do PSOE impedisen calquera acordo, mesmo cando coincidían gobernos da mesma cor política nas distintas administracións.

⚙ Configurar cookies
0.076494932174683