Balseiro leva ao Senado o atraso da A-74 e esixe explicacións ao Goberno central

O senador mariñán José Manuel Balseiro formulará este martes unha pregunta no Pleno dirixida ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, co obxectivo de obter información precisa sobre a situación da autovía da Mariña, a A-74. O representante popular reclamará aclaracións sobre cando está previsto iniciar as obras e en que punto administrativo se atopa actualmente esta infraestrutura.
Balseiro sostén que o proxecto permanece practicamente sen avances desde o ano 2018, cando rematou o mandato do Goberno presidido por Mariano Rajoy. Neste sentido, critica que, malia os anuncios realizados durante a campaña das eleccións xerais de 2023 por parte de responsables socialistas galegos, nos que se apuntaba ao inicio das obras do primeiro tramo no 2024, a realidade non se corresponde con esas previsións.
O senador lembra que esta non é a primeira vez que se solicita información ao Executivo central sobre esta cuestión, xa que en distintas ocasións os representantes no Senado teñen presentado iniciativas por escrito interesándose polo desenvolvemento dunha infraestrutura que consideran clave para A Mariña.
Segundo expón, a ausencia da A-74 mantén á comarca dependente da estrada N-642, unha vía que soporta un elevado volume de tráfico e que, ao seu xuízo, presenta carencias en materia de conservación e mantemento.
Balseiro tamén amosa a súa preocupación polo balance dos últimos anos, asegurando que “tras oito anos de Goberno, o resultado para A Mariña é inexistente”, ao non terse rexistrado investimentos, execución de obras nin adxudicacións vinculadas a este proxecto.
Por último, o senador agarda que a resposta do ministro no Pleno permita coñecer con maior claridade as intencións do Goberno e que estas sexan favorables para o desenvolvemento dunha infraestrutura considerada fundamental para mellorar as comunicacións da comarca.