Balseiro acusa ao PSOE de confundir á cidadanía sobre as obras da casa cuartel do Valadouro

AMariñaXa
O senador do PP de Lugo asegura que a moción popular reproduce exactamente as cifras facilitadas polo Goberno central
cuartel-garda-civil-valadouro
5 Feb 2026

O senador do Partido Popular por Lugo, José Manuel Balseiro, respondeu con dureza ás declaracións realizadas polo socialista César Mogo sobre as obras da casa cuartel da Garda Civil do Valadouro, ás que cualificou de “confusas, pouco rigorosas e afastadas da realidade”. O dirixente popular defendeu a actuación do PP e asegurou que as cifras recollidas na moción presentada no Senado proceden directamente das respostas oficiais emitidas polo Goberno de España.

Balseiro lembrou que foi o propio Executivo central quen, ao responder a dúas preguntas formuladas polo Partido Popular, cifrou en 190.000 euros o investimento previsto para a actuación no inmoble. “Se agora se sostén unha cifra distinta, quen falta á verdade non é o PP, senón o Goberno de Pedro Sánchez”, afirmou, ao tempo que acusou a Mogo de descoordinación cos seus compañeiros de Executivo.

O senador popular insistiu en que o PP non inventou ningún dato e que se limitou a trasladar á súa iniciativa parlamentaria a información recibida por escrito. Neste sentido, subliñou que o seu partido defende a execución de todas as obras necesarias na casa cuartel e asegurou que, se finalmente o custo real ascende a máis de medio millón de euros, “esa será a cantidade que haxa que investir”.

Balseiro criticou o que considera un intento de xerar confusión entre a veciñanza do Valadouro e entre os propios membros da Garda Civil, e reclamou máis seriedade no debate político. Ademais, convidou a César Mogo a coñecer de primeira man a realidade dos municipios e a “dicir a verdade”, lembrando que o PP acreditou documentalmente as súas afirmacións con respostas oficiais do Goberno.

O senador confirmou que o Partido Popular manterá a moción no Senado, xa que, segundo explicou, o Executivo non concretou nin prazos nin orzamento real para acometer a reforma integral do edificio. Finalmente, mostrouse convencido de que, como xa aconteceu noutras ocasións, “será a presión e a iniciativa do PP a que permita avanzar nas melloras necesarias para a casa cuartel do Valadouro”.

⚙ Configurar cookies
0.092295169830322