Balseiro acusa ao Goberno central de manter paralizada a A-74 na Mariña

O senador mariñán José Manuel Balseiro asegurou que a autovía da Mariña, a A-74, continúa sen avances reais e criticou con dureza a xestión do Executivo estatal. Ao seu xuízo, “o Goberno de Sánchez e o PSOE pretenden facernos crer que fan algo na A-74 cando seguen sen facer nada”, insistindo en que a infraestrutura “está exactamente igual que a deixou o Goberno do PP presidido por Rajoy no 2018”.
As declaracións prodúcense tras as as remitidas polo Executivo ás preguntas formuladas polos senadores lucenses do PP José Manuel Barreiro, Juan Serrano e o propio Balseiro. Os parlamentarios interesáronse polos motivos polos que non se iniciaron as obras no 2024, tal e como —segundo lembran— se anunciara durante a campaña das eleccións xerais de 2023 nunha visita de dirixentes socialistas á comarca, así como polo estado de tramitación dos distintos treitos.
Segundo explica Balseiro, o Goberno limítase a indicar que os proxectos dos tramos O Carmen-Foz e Foz-Burela están en fase de redacción. No caso do subtramo Barreiros–O Carmen, sinala que foi sometido a información pública no 2025 —un trámite que xa se realizara en 2018— e que actualmente se analizan as alegacións, quedando pendente a aprobación do trazado e a posterior elaboración do proxecto construtivo. Sobre o tramo Burela-San Cibrao, afirma que non se achegan novidades.
O senador popular tamén sostén que non se executaron partidas consignadas en anos anteriores, citando cantidades previstas en 2018, 2019 e 2020. “Despois de oito anos de Goberno socialista, o balance é cero euros investidos, cero metros construídos e cero obras adxudicadas”, concluíu.