Balseiro acusa ao BNG de incoherencia nas súas reivindicacións sobre infraestruturas na Mariña

AMariñaXa
O senador popular cuestiona o papel dos representantes nacionalistas en Madrid e critica a súa relación co Goberno central
Jose-Manuel-Balseiro-pp
10 Jan 2026

O senador do Partido Popular José Manuel Balseiro cargou duramente contra os representantes do BNG nas Cortes Xerais, o deputado Néstor Rego e a senadora Carme da Silva, aos que acusou de actuar como “marionetas do sanchismo” e de reclamar agora infraestruturas que, segundo afirmou, deron por garantidas a cambio de apoiar en dúas ocasións a investidura de Pedro Sánchez.

O dirixente popular referiuse tamén ao acto comarcal celebrado polo BNG en Viveiro, que cualificou de escasa asistencia e de simple “pantomima”, ao considerar que nel se reivindican proxectos que, ao seu xuízo, son bloqueados polo PSOE en Madrid sen que iso teña consecuencias políticas. Balseiro sostén que, pese a esta situación, o Bloque continúa apoiando ao presidente do Goberno.

Neste contexto, o senador lembrou que nos últimos sete anos de lexislatura non se executou “nin un só metro” da autovía da Mariña nin se produciron avances significativos nos trámites administrativos pendentes. Segundo indicou, a única actuación foi a presentación do trazado dun tramo, o comprendido entre Barreiros e O Carme, en Foz, que xa estaba definido con anterioridade. “E este incumprimento non tivo ningún custo político para Sánchez, porque o BNG segue avalando ao PSOE”, engadiu.

Balseiro puxo tamén o foco na etapa na que o BNG formou parte do goberno municipal de coalición en Viveiro, asegurando que durante ese período se bloquearon todas as alternativas propostas para a variante da localidade. Segundo afirmou, só coa chegada do Partido Popular á alcaldía foi posible avanzar nun proxecto que considera clave tanto para a cidade como para o conxunto da comarca.

Para pechar, o senador popular reprochou aos representantes nacionalistas no Congreso e no Senado a súa “ausencia deliberada” en numerosos debates impulsados polo PP nas Cortes Xerais en defensa dos intereses da Mariña, citando como exemplos as iniciativas sobre o futuro de Alcoa, a reforma integral da estrada N-642 ou a propia autovía da Mariña.

⚙ Configurar cookies
0.077152013778687