Avanza a reserva de espazos da feira Expomar 2025, que xa ten as datas confirmadas

AMariñaXa
A acción máis próxima da fundación será a segunda edición do “Día do Orgullo Mariñeiro”, que combinará a divulgación nas escolas, a exaltación da cultura mariñeira e a gastronomía do mar para chegar a todos os públicos
reunion-fundación-expomar
5 Out 2024
O conselleiro de Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, e a xefa territorial da Consellería do Mar, Mariña Gueimunde, recibiron na delegación da consellería en Celeiro ao xerente da Fundación Expomar, José Manuel González ‘Brais’, e ao concelleiro de Mar do Concello de Burela, Ramiro Fernández. Na reunión, xa acordada con vista á vixésima edición da feira monográfica náutico-pesqueira, que terá lugar no porto de Burela en maio de 2025, os representantes da Fundación Expomar tamén detallaron á Consellería as súas próximas actividades previstas.
A acción máis próxima será a segunda edición do “Día do Orgullo Mariñeiro”, que se iniciou con grande éxito o ano pasado e que a mediados de decembro de novo combinará a divulgación nas escolas, a exaltación da cultura mariñeira e a gastronomía do mar para chegar a todos os públicos. Nesta segunda cita seguirase promocionando o consumo de “Pescada de Burela” nos comedores escolares da comarca, este ano con degustación especial dunha hamburguesa de pescada do petisco.
E, como novidade este ano, organizaranse tamén unhas xornadas gastronómicas de peixe coa hostalería local de Burela. Xa no mes de xaneiro, a Fundación Expomar viaxará a Madrid para facer alí, por segunda vez consecutiva, a presentación oficial da súa XX Feira Expomar, que se celebrará do 7 ao 10 de maio na nave de redes do porto de Burela. Aproveitando o marco da Feira Internacional de Turismo Fitur 2025, o xoves 23 de xaneiro a Casa de Galicia en Madrid acollerá esta presentación, que contará coa presenza do propio conselleiro de Mar, Alfonso Villares; ademais doutras moitas autoridades autonómicas e representantes do sector pesqueiro nacional.
A Consellería de Mar confirmou e reforzou a súa colaboración con esta iniciativa, que se pechará cunha degustación de produtos pesqueiros de Burela. O xerente da Fundación Expomar, José Manuel González ‘Brais’, tamén estivo presente durante esta semana na Feira Conxemar levando a cabo unha misión comercial, onde mantivo contactos con diferentes representantes da propia Consellería e outras administracións e entidades vinculadas ao sector pesqueiro. Asímismo, tivo a oportunidade de relacionarse con moitos dos expositores habituais da feira Expomar e establecer contactos con novas empresas como potenciais participantes na vixésima edición do certame.
Tamén en colaboración coa Consellería de Mar da Xunta de Galicia, a Fundación Expomar desprazarase a principios de novembro ata Cabo Verde para promocionar o sector pesqueiro galego na “Feira Expomar de Cabo Verde”. Con respecto á próxima feira monográfica náutico-pesqueira, desde a Fundación Expomar aseguran que a reserva de espazos avanza a bo ritmo entre os expositores habituais e tamén se están intensificando os contactos con novas entidades que mostraron a súa interesese por participar nesta edición número vinte, que se espera que volva superar todas as expectativas.
0.25627899169922