Aspanane presta atención a 55 usuarios da Mariña Lucense

TerraChaXa | AMariñaXa
A deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, mantivo un encontro cos usuarios do Centro Ocupacional de Aspanane (Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual), no Concello de Viveiro.
53835464_1572477009522230_6698890719551029248_n
6 Abr 2019

A deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, mantivo un encontro cos usuarios do Centro Ocupacional de Aspanane (Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual), no Concello de Viveiro. Xunto coa Directora deste colectivo, Elena Santos, e membros da Asociación, comprobou, de primeira man, os obradoiros e actividades que realizan nun dos centros desta asociación, que atende a un total de 55 usuarios dos Concellos de Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo e Foz.
Durante o encontro, López Izquierdo puxo en valor o traballo deste colectivo social sen ánimo de lucro, co que colabora o organismo provincial, posto que “ten un papel fundamental á hora de derrubar barreiras para lograr a igualdade, real e efectiva, das persoas con capacidades diferentes que integran a asociación”.
Aspanane conta cun equipo formado por 19 profesionais nos dous centros de atención especializada a persoas con discapacidade intelectual: o Centro de Día que conta con 18 usuarios e o Centro Ocupacional, no que prestan atención a 37 persoas. Proximamente, o Concello de Viveiro contará coa única residencia na comarca mariñá para persoas con discapacidade intelectual.
Esta asociación ofrece a veciños con discapacidade intelectual unha atención profesional diaria, tanto aos propios afectados como as súas familias. Neste senso, prestan servizos de asesoramento e información a todas as familias que o necesiten; realizan actividades deportivas como ximnasia; visitas culturais e lúdicas, talleres de tampografía ou obradoiros relacionados co mundo artístico como clases de teatro ou canto, entre outros.
Ademais, as persoas usuarias do Centro Ocupacional conviven en horario de 09:30 a 17:15 horas da tarde e realizan, por grupos, obradoiros de carpintería, serigrafía e cerámica, nos que practican e constrúen mobles, figuras, broches, lámpadas, chaveiros ou traballan realizando impresións en bolsas ou prendas de roupa. Este colectivo social, que conta cun total de 226 socios, trata de integrar socialmente ás persoas con discapacidade intelectual a través de numerosas e diversas actividades.
No Centro de Día realizan talleres de orientación á realidade; estimulación sensorial; de coñecemento das emocións, aprenden a identificar sentimentos e entenderse a si mesmos; ou coñecen o uso de novas tecnoloxías a través de material informático. Nesta liña tamén aprenden, con diferentes actividades, a realizar tarefas por si mesmos, o que lles permite ser máis autónomos no seu día a día.
A Asociación Aspanane de Viveiro foi constituída e rexistrada no ano 1.981 por pais de persoas con discapacidade intelectual da Comarca da Mariña. O principal obxectivo que persegue é o de acadar a plena integración na sociedade, das persoas con capacidades diferentes que integran este colectivo, mellorando a súa calidade de vida e a das súas familias.

0.19542598724365