Asociación de Veciños Santa Eulalia: Corazón vivo de A Devesa

GaliciaXa | AMariñaXa
Merce, presidenta da entidade, explica a importancia de manter a parroquia unida e dinamizar a vida social a través de actividades e compromiso veciñal
Directiva-Asociacion-vecinos-devesa-ribadeo
Foto de CarlosGrafías
7 Jun 2026

Por Ana Somoza.

A Asociación de Veciños Santa Eulalia da Devesa, en Ribadeo, naceu no ano 1986 co obxectivo de “promover e organizar todo tipo de actividades de carácter social, asistencial e cultural”, segundo relata Merce, presidenta da entidade. Como moitas asociacións veciñais, a súa creación estivo motivada pola necesidade de “mellorar a calidade de vida e defender os intereses comúns da veciñanza, reclamando melloras nos servizos e actuando coma unha voz única ante as autoridades locais”. Desde o principio, a entidade apostou por fomentar a convivencia e a cohesión entre os veciños da parroquia.

Merce destaca que a Asociación foi “bastante activa nos seus inicios, pero despois, como soe pasar, foi perdendo forza ata estar inactiva durante cinco ou seis anos”. Foi entón cando un grupo de veciños decidiu tomar as rendas e darlle un impulso que Merce cualifica como “comezar de cero”, actualizando documentación, facendo campañas de captación de socios e retomando a actividade. “O feito de acadar 200 socios é unha fazaña que nos amosa que a nosa confianza no proxecto ten sentido”, engade, resaltando que a implicación da comunidade reforza a continuidade da asociación.

SOCIAL. A presidenta define a entidade como “o motor que impide que a parroquia se pare, é o corazón colectivo que transforma as necesidades individuais en forza común para seguir progresando como comunidade”. Merce explica que o traballo diario recae principalmente sobre a presidenta, o secretario e o tesoureiro, aínda que se organiza en función das destrezas e da dispoñibilidade de cada membro da directiva, composta por sete persoas.

Sobre asumir a responsabilidade de liderar unha entidade veciñal, Merce confesa: “É un gran reto e ao mesmo tempo un compromiso cos veciños e socios. Cada vez que un veciño nos traslada o seu agradecemento pola labor que estamos a facer, ‘énchesenos o peito’, e iso danos moita forza para seguir dedicando o noso tempo para que a parroquia non se deteña e sigamos facendo comunidade”.

ACTIVIDADES. Ao longo do ano, a Asociación organiza unha ampla gama de actividades que abarcan o ámbito deportivo, creativo, cultural e lúdico. Entre elas destacan ximnasia de mantemento, cursos de cestería, comida veciñal, teatro, sardiñada de San Xoán, cine na rúa, magosto, cursos de novas tecnoloxías e actuacións de maxia. “Moitas destas actividades foron posibles grazas á colaboración de distintas institucións, como o concello, a Deputación e a Xunta de Galicia”, explica Merce.

A presidenta subliña que, aínda que algunhas propostas aínda non se asentaron como tradición, aspírase a que eventos como a comida veciñal, que terá a súa segunda edición o 29 de marzo, se converta “no día da parroquia e na nosa gran tradición”. A resposta dos veciños, segundo Merce, “é moi boa, sobre todo nas xuntanzas onde hai un xantar de por medio”.

PATRIMONIO.

A entidade tamén se implica na conservación e dinamización do patrimonio local. Merce destaca a importancia de manter os espazos comúns e as tradicións: “As actividades son un espazo de encontro e sociabilidade entre os veciños, permitindo que os nosos maiores atopen momentos de convivencia e que os mozos se impliquen activamente na transformación do seu propio pobo”. Ademais, xunto coa Asociación de Veciños de Cinxe, a de Santa Eulalia leva a xestión do cemiterio desde comezos de 2025, reforzando a colaboración interparroquial.

FUTURO.

Mirando cara adiante, a Asociación mantén unha planificación que combina continuidade e innovación. Entre os próximos proxectos están a segunda comida veciñal, unha viaxe á Ribeira Sacra, cursos de cestería, xuntanzas festivas como a comida de San Isidro, a sardiñada de San Xoán ou o magosto, e outras actividades que se desenvolverán cara o outono. “O noso obxectivo é que a Asociación sexa o corazón que manteña a parroquia unida e que os veciños sintan como propio o progreso da Devesa”, afirma Merce.

A presidenta recalca que cada pequena colaboración conta: “A Devesa facémola nós; cada achega de hoxe garante o futuro da parroquia no mañá”. Tamén lembra a cita de Henry Ford: “‘Unirse é o comezo, permanecer xuntos é o progreso e traballar xuntos é o éxito’, e baixo ese prisma seguiremos prosperando como comunidade”.

NECESIDADES.

Merce sinala que, a pesar do bo ritmo de actividades, a parroquia afronta retos básicos en infraestrutura e servizos: “Necesitamos que as distintas administracións públicas continúen investindo en vías de comunicación, alumeado público e saneamento, para que as vivendas non dependan de fosas sépticas individuais”. A presidenta considera que a Asociación ten un papel activo como voz da parroquia, “reclamando os servizos necesarios e devolvendo á comunidade o lugar que merece, paso a paso”.

O traballo da directiva tamén pasa por manter informados aos socios, creando grupos de WhatsApp e proxectando a apertura a redes sociais para fomentar o diálogo e a participación. “Queremos que a xente poida falar, opinar e propoñer; iso dará moita vida á Asociación e fará que todos se sintan implicados”, explica Merce.

Ao longo do seu mandato, a presidenta insiste en que a clave do éxito reside na combinación de ilusión, esforzo e participación comunitaria. “O fito de acadar 200 socios nunha parroquia coma a nosa demostra que o proxecto ten sentido e que a veciñanza confía no que estamos a facer”, subliña.

Merce tamén destaca a importancia de implicar ás novas xeracións: “Sen a participación da xuventude, o rural perde dinamismo e continuidade. A nosa directiva está formada por persoas de todas as idades para que cada un poida aportar o seu punto de vista. É a única forma de que o noso pobo teña futuro”.

CONVIVENCIA.

As festas, as reunións veciñais e as xornadas culturais teñen un papel central na cohesión social. “Fundamentalmente queremos que as actividades sexan un espazo de encontro entre os veciños. Todo o que sexa festa e papatoria vaille como anel ao dedo á veciñanza”, di Merce con humor, engadindo que estas iniciativas permiten reforzar vínculos e recuperar tradicións perdidas. A presidenta tamén lembra que a colaboración con outras asociacións reforza a vida comunitaria: “Traballamos coa Asociación de Veciños de Cinxe en obxectivos comúns, como a celebración da comida de Santa Eulalia, que non se facía desde hai moitos anos, e en futuras actividades conxuntas”.

Finalmente, Merce anima a todos a visitar e participar na vida da parroquia: “A Devesa ofrece boas comunicacións, proximidade á costa, un entorno privilexiado e unha área recreativa magnífica. Ademais, a Asociación ofrece actividades de todo tipo, facendo da nosa parroquia un lugar dinámico, unido e entretido para vivir ou simplemente gozar dela”.

 

0.12167310714722