Asociación de Mulleres Rurais de Lourenzá: Un lugar para compartir, aprender e facer comunidade en Lourenzá

AMariñaXa
A asociación arranca unha nova etapa con preto de 70 socias e unha programación que busca reunir xeracións, combater a soidade e crear oportunidades de lecer, formación e convivencia no rural
Asociacion-mulleres-rurais-lourenza-2026
15 Nov 2026

Por Ana Somoza.

A idea non apareceu dun día para outro. Foi tomando forma nas conversas cotiás, nas necesidades compartidas e, sobre todo, na constatación de que en Lourenzá había mulleres que botaban en falta máis oportunidades para encontrarse, relacionarse e facer actividades xuntas. Desa demanda naceu a nova etapa da Asociación de Mulleres Rurais de Lourenzá, un proxecto que comeza cunha resposta que mesmo sorprendeu ás súas impulsoras: xa roldan as 70 socias e esperan novas incorporacións nos próximos días.

Á fronte desta iniciativa están seis mulleres. Reyes González exerce como presidenta; Malena, como secretaria; Noelia, como tesoureira; e Eva, Alba e Carmela completan a directiva como vogais. Son de diferentes idades, teñen experiencias distintas e tamén formas diversas de entender as cousas, pero, como explica Reyes, comparten “as ganas de facer, de sumar e de traballar polo noso pobo e polas súas mulleres”.

A primeira asemblea informativa xa serviu para medir o interese que existía. A asistencia foi tan elevada que a directiva non conseguiu atender todas as persoas interesadas antes de que algunhas tivesen que marchar. Unha resposta que, recoñecen, “superou todas as expectativas” e que confirmou que aquela necesidade que percibiran nas conversas previas existía realmente.

UN ESPAZO. O lema escollido, “Un espazo para nós”, resume boa parte da filosofía coa que queren traballar. Non pretenden construír unha asociación arredor dunha presidenta ou dunha directiva, senón conseguir que cada participante sinta o proxecto como propio. “Este non é o proxecto dunha presidenta nin dunha directiva, senón unha asociación de todas e para todas”, explican.

Ese “todas” ten especial importancia. Desde a asociación insisten en afastar a idea de que unha entidade de mulleres rurais debe estar vinculada exclusivamente ás xeracións de maior idade. Queren ás maiores, pero tamén ás novas e ás que están no medio; ás que dispoñen de tempo libre e ás que teñen que buscar un pequeno oco entre o traballo e as responsabilidades familiares. O propósito é que ningunha pense que a programación non está feita para ela.

No rural, explican, existen condicionantes que poden dificultar a vida social. As distancias, a falta de transporte, a idade, o traballo ou as obrigas familiares poden reducir as posibilidades de relacionarse. Por iso aspiran a crear un lugar próximo no que “coñecerse, aprender, compartir experiencias e sentirse acompañadas”, independentemente da idade ou da situación persoal de cada muller.

MOITO MÁIS. A programación coa que comezan reflicte esa intención de diversificar. Haberá saúde, benestar, formación, cultura, lecer e convivencia. Unha das primeiras apostas será o pilates, unha actividade que, segundo comprobaron, levaba tempo sendo demandada na zona pero que non se podía ofrecer pola falta dun espazo e dun profesional dispoñible.

Finalmente conseguiron poñela en marcha con dous grupos, un de mañá e outro de tarde, buscando precisamente facilitar a asistencia de mulleres con horarios diferentes. Para a directiva, conseguir sacar adiante esta actividade foi unha das primeiras pequenas vitorias do proxecto.

Pero non será a única proposta. Xa teñen pechadas varias charlas sanitarias, cuxas datas se anunciarán proximamente, e preparan unha viaxe á Televisión de Galicia para asistir á gravación de dous programas. Tamén haberá unha clase de iniciación á defensa persoal e outra de tai-chi, inicialmente como experiencias puntuais que permitirán comprobar se existe interese suficiente para darlles continuidade.

Para outubro pensan nun magosto acompañado dun bingo e queren colaborar co Concello nalgunha iniciativa arredor do 25N. De cara ao Nadal, a intención é organizar xornadas ou obradoiros para elaborar adornos. Son só os primeiros pasos, porque a programación irá medrando con novas saídas, encontros, cursos e actividades.

E algunhas das propostas teñen unha dimensión que vai máis alá do que aparece no programa. A viaxe á TVG, por exemplo, está espertando especial interese entre as mulleres maiores. Para a asociación, non se trata simplemente de asistir á gravación de dous programas. Suporá pasar boa parte do día xuntas, compartir os desprazamentos, conversar e vivir unha experiencia diferente. É precisamente nese tempo compartido onde a entidade encontra boa parte do sentido do seu traballo.

ESCOITAR. A directiva non quere decidir soa o futuro da asociación. Na primeira asemblea entregou unha enquisa para coñecer os gustos, intereses e necesidades das socias e incluso para localizar persoas que poidan impartir cursos ou obradoiros. A intención é evitar unha programación pechada deseñada unicamente desde a directiva.

Queremos que nos acheguen propostas, que nos digan o que lles apetece facer, o que botan en falta e tamén aquilo que consideran que podemos mellorar”, explican. A directiva asumirá a organización e a coordinación, pero ten claro que “a asociación temos que construíla entre todas”.

Por iso defínense como unha directiva “aberta, próxima e accesible”. O programa poderá ir cambiando segundo a resposta das participantes e as novas ideas que vaian aparecendo. O importante non será acumular actividades, senón conseguir que estas respondan a intereses reais.

Ese modelo participativo enlaza cunha das finalidades que consideran fundamentais: combater a soidade e favorecer as relacións sociais. Unha clase pode ser simplemente unha clase desde fóra, pero para quen pasa boa parte do seu tempo soa pode significar moito máis. Pode converterse nun motivo para saír da casa, conversar, coñecer xente ou iniciar unha amizade.

“Unha actividade pode parecer simplemente unha clase, unha saída ou un obradoiro, pero tamén é unha oportunidade para saír da casa, falar con outras persoas, facer amizades e sentirse parte dunha comunidade”, resumen desde a asociación.

A intención é crear vínculos entre xeracións e evitar que unha muller quede á marxe pola súa idade ou polas súas circunstancias. Nese sentido, a entidade reivindica tamén o papel do asociacionismo nos municipios rurais. Consideran que as asociacións crean movemento, impulsan a participación e permiten acceder a oportunidades que, doutro xeito, serían máis difíciles de encontrar. Ao mesmo tempo, serven para recuperar tradicións, transmitir coñecementos entre xeracións e tecer redes de apoio. “Cando as persoas se encontran, participan e propoñen iniciativas, o pobo mantense vivo”, sosteñen.

APOIO MUNICIPAL. Para desenvolver esa programación, a asociación conta tamén coa colaboración do Concello de Lourenzá, fundamentalmente mediante a cesión de espazos municipais. Segundo explica a directiva, poden empregar diferentes instalacións dependendo das características de cada proposta.

Entre elas está o Multiúsos, especialmente axeitado para actividades cun número elevado de participantes, así como o salón de actos. Para reunións, encontros ou propostas con grupos máis reducidos poden utilizar unha sala situada no edificio do Torreón. Contar con lugares de distintos tamaños permítelles adaptar cada actividade á participación prevista.

A colaboración podería ir máis alá da cesión de instalacións. A asociación quere impulsar algunha proposta conxunta arredor do 25N, porque considera necesario contribuír á concienciación e dar visibilidade á loita contra a violencia exercida sobre as mulleres. Para iniciativas deste tipo, sinalan, resulta especialmente importante a cooperación entre o tecido asociativo e as institucións.

UN ANO. A directiva xa pensa tamén en como lle gustaría mirar cara atrás dentro de doce meses. E o éxito, explican, non se medirá exclusivamente polo número de socias nin pola cantidade de actividades organizadas. “Non se trata unicamente de contar cantas actividades fixemos ou cantas socias somos”, apuntan. O importante será comprobar se conseguiron que máis mulleres saian da casa, se coñezan, creen vínculos, aprendan e desfruten.

Queren unha asociación “viva, consolidada, aberta e participativa”, pero especialmente unha comunidade na que convivan diferentes xeracións. Se dentro dun ano hai novas propostas e mulleres que continúan con ganas de implicarse, sentirán que “todo o esforzo pagou a pena”.

A mensaxe para aquelas que aínda dubidan é precisamente que non existen requisitos máis alá das ganas de achegarse. Non é necesario ter unha idade determinada nin participar en todo. Cada socia poderá escoller as propostas que lle interesen e adaptalas ao tempo que teña dispoñible.

Desde a asociación anímanas simplemente a probar, coñecer o proxecto e decidir despois. Porque, ademais de recibir, cada unha pode propoñer, achegar ideas e contribuír a construír o camiño da entidade. O desexo final é sinxelo: que calquera muller do municipio poida mirar a programación e pensar que alí tamén existe un lugar para ela.
“Gustaríanos que todas sentisen que a asociación é un pouquiño súa”, conclúen. E detrás desa frase está, en realidade, a ambición coa que comeza esta nova etapa: “xuntas facemos comunidade e xuntas facemos Lourenzá”.

0.20915007591248