Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña recibiu unha achega da Deputación

TerraChaXa | AMariñaXa
Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña recibiu unha achega da Deputación. 15.000 euros para sufragar os gastos de funcionamento
118725078_3282890318456402_1473438755649330471_n
3 Dec 2020

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o presidente da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña, Jorge Manchado Rivero, asinaron no Pazo de San Marcos o convenio de colaboración co que a institución provincial achega 15.000 euros para sufragar os gastos de funcionamento do Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela, centro de referencia en toda a comarca mariñá para o tratamento de persoas que padecen enfermidade mental e das súas familias.

Os usuarios e usuarias deste centro reciben atención no ámbito prelaboral, psicolóxico e social, realizando actividades de arteterapia, psicomotricidade, estimulación cognitiva, obradoiros de habilidades sociais ou psicoeducación, entre outras cuestións. Ademais, as persoas usuarias tamén poñen en práctica habilidades da vida diaria, xogos de interacción, ou actividades de integración social entre outras, dirixidas a conseguir o maior grao posible de autonomía e independencia.

A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña conta con diversos centros de atención na comarca da Mariña: unha unidade residencial no concello de Cervo, un piso protexido para persoas con enfermidade mental, unha vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental e dous centros de rehabilitación psicosocial e laboral, un no concello de Ribadeo e outro en Burela.

Esta asociación creouse no 1999 por familias afectadas pola problemática da enfermidade mental que uniron os seus esforzos para conseguir que as persoas que padecen enfermidade mental e as súas familias reciban axuda e asistencia continuada, buscando a integración na sociedade e na vida da comunidade, fixando como obxectivo prioritario a súa rehabilitación psicosocial e laboral.

0.17136597633362