Asinado un convenio co Deputación para a renovación de tres parques infantís en Foz

Foz
AMariñaXa
Traballadores do Concello de Foz están recibindo formación sobre a utilización correcta dos desfibriladores.
21 Dec 2023

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos co alcalde de Foz, Francisco Cajoto Caserío, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial destina 120.000 euros para renovar tres parques infantís na rúa Julia Minguillón, en Marzán e en Llas.

O presidente enmarcou esta iniciativa na “cooperación, intensa e continua, que mantemos co Concello de Foz, e co resto dos concellos, para que poida ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”. “Seguimos na liña de traballo para facer que a Deputación funcione como un concello grande que axude ao resto de concellos”, sinalou José Tomé, quen incidiu en que resulta “grato poder axudar a un Concello que está facendo algo tan importante para mellorar a vida da xente, sobre todo cando é para os máis pequenos”.

Engadiu o mandatario provincial que “na construción do futuro que queremos para a provincia, temos que traballar todos xuntos, cada un dende as nosas respectivas responsabilidades. Estou convencido de que o Concello de Foz e o seu alcalde van seguir sendo unha peza importante dese futuro, do desenvolvemento da provincia de Lugo. E nese camiño, van atopar sempre a compañía e o respaldo da Deputación”.

Pola súa banda, o alcalde de Foz salientou que estes tres proxectos evidencian que “seguimos a coidar as nosas rúas e os nosos parques, nos que todos os días xogan os nenos e nenas de Foz”. Do mesmo xeito, dixo, “que fixemos no Paseo de Colón, na Rapadoira, na área de xogos da Praza de Galicia ou no parque de Uxío Novoneyra, agora grazas ao Presidente José Tomé e á financiamento da Deputación de Lugo imos renovar estes tres parques que están nun mal estado de conservación: Julia Minguillón, Marzán e Cú do Castro, en Llas”, indica o Alcalde.

Concreta Cajoto que “a renovación do parque de Julia Minguillón, de 250 metros cadrados e orzamentada en 63.000 euros, inclúe a substitución do chan de losetas por un pavimento continuo encapsulado de cores, no que se van a dispoñer, entre outros xogos, dúas estruturas con tobogáns, randeeiras e resortes. Os parques de Marzán -125 metros cadrados- e Cú do Castro, en Llas -153 metros cadrados- recibirán uns investimentos de 32.000€ e 25.000€ respectivamente, e inclúen tamén a disposición de novos chans de pavimento continuo encapsulado e novos xogos e estruturas”.

Para rematar, o rexedor municipal destacou: “seguimos traballando co obxectivo claro de crear contornas seguras e mellorar os espazos públicos da nosa vila e de todo o concello”.

0.17178201675415