Asinado o convenio para construír unha nova depuradora en Burela con arredor de 9 millóns de euros

AMariñaXa
O convenio permitirá modernizar o sistema de saneamento e aumentar a capacidade de tratamento de augas residuais no municipio
Convenio-EDAR-Burela-Xunta
24 Apr 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Burela, Carmen López, formalizaron un acordo de colaboración para avanzar na mellora do sistema de saneamento do municipio mediante a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR). A actuación contará cun investimento global próximo aos 9 millóns de euros.

Segundo explicou a conselleira, o convenio terá vixencia ata decembro de 2030 e establece que a Xunta asumirá a contratación e execución das obras. Pola súa parte, o Concello encargarase de xestionar e financiar os trámites necesarios, como permisos, licenzas e autorizacións, ademais de poñer á disposición os terreos precisos para o desenvolvemento do proxecto, contando coa colaboración de Portos de Galicia ao situarse a intervención en solo portuario.

A previsión pasa por licitar os traballos durante o verán, co obxectivo de iniciar as obras no ano 2027 e dotar a Burela dunha infraestrutura máis moderna e eficiente. A nova depuradora permitirá incrementar nun 50% a capacidade de tratamento respecto á actual e estará dimensionada para dar servizo a unha poboación superior aos 13.000 habitantes equivalentes.

Entre as melloras previstas, a instalación incorporará tratamento secundario, inexistente ata o momento, o que permitirá optimizar a depuración e desinfección das augas antes da súa devolución ao medio natural. Ademais, esta actuación, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), contribuirá a cumprir cos estándares fixados pola normativa europea en materia de augas residuais.

Este proxecto constitúe a segunda fase do plan de mellora do saneamento en Burela, que se suma á primeira fase xa en execución centrada na construción de novos colectores, cun investimento aproximado de 5 millóns de euros. Segundo indicou Ángeles Vázquez, estes traballos atópanse executados ao redor do 50% e prevese a súa finalización no segundo semestre deste ano.

Nesta primeira etapa, desenvolvida en colaboración entre Augas de Galicia, Portos de Galicia e o Concello, inclúese a renovación dunha parte significativa da rede de conducións e a creación dunha Estación de Tratamento e Bombeo de Augas Residuais (Etbar) na zona portuaria. Esta infraestrutura permitirá recoller e impulsar as augas residuais cara á futura depuradora, incorporando ademais un sistema previo de eliminación de residuos sólidos.

A conselleira destacou que ambas actuacións son complementarias pero independentes, xa que a mellora da rede de colectores permitirá reducir filtracións e aumentar a capacidade do sistema mesmo antes da posta en marcha da nova EDAR. Ademais, contribuirá a diminuír a carga contaminante en posibles vertidos ocasionais.

En conxunto, o investimento destinado ao saneamento en Burela supera os 13 millóns de euros, unha cifra que se incrementa notablemente ao ter en conta outras intervencións en marcha na Mariña lucense, en concellos como Foz ou Ribadeo, onde as actuacións promovidas por Augas de Galicia superan os 40 millóns de euros.

0.11358213424683