Asfanemor organiza unha formación en Viveiro para comprender mellor o autismo

A Asociación de Familias Neurodiverxentes da Mariña Lucense e Ortegal (Asfanemor) organiza o vindeiro 4 de outubro unha nova actividade formativa centrada no autismo. A xornada estará impartida polo psicólogo especializado neste ámbito Daniel Millán López e dirixirase tanto a familias como a profesionais.
Baixo o título "Entendiendo 'de verdad' el autismo", a formación desenvolverase de 9.00 a 14.00 horas, cunha duración total de cinco horas. A proposta pretende achegar coñecementos e ferramentas prácticas que poidan resultar útiles no acompañamento e na atención ás persoas autistas no día a día.
O lugar concreto no que se celebrará a actividade aínda está por determinar. Asfanemor explica que se confirmará nos próximos días en función do número de participantes e do aforo necesario.
As persoas interesadas xa poden reservar a súa praza a través de WhatsApp no número 646 51 46 01. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 30 de setembro e as prazas son limitadas.
A actividade está organizada por Asfanemor e conta coa colaboración da Deputación de Lugo, o Concello de Viveiro e Área e Fiscal Asesores.