As viaxes aos Farillóns consolídanse como un dos grandes atractivos da Maruxaina en Cervo

AMariñaXa
As travesías, guiadas por Anxo Cao, esgotan prazas e achegan aos participantes o patrimonio natural, a biodiversidade e a lenda vinculada a este emblemático enclave
Cervo-viaxes-Farillóns-2026
4 Aug 2026

As viaxes en barco aos Farillóns, promovidas polo Concello de Cervo dentro da programación da Festa da Maruxaina, continúan sumando éxito e converténdose nunha das actividades con maior demanda destas datas. A elevada participación está a facer que as prazas dispoñibles se completen en practicamente todas as saídas, confirmando a boa acollida dunha proposta que combina divulgación, natureza e tradición.

A xornada deste martes estivo dedicada ás crianzas participantes no programa municipal Cervo Concilia, que tiveron a oportunidade de achegarse a un dos espazos máis representativos da costa cervense a través dunha experiencia lúdica e formativa. Durante a travesía descubriron os valores ambientais e paisaxísticos dos Farillóns, así como diferentes aspectos relacionados coa biodiversidade mariña e coa coñecida lenda da Maruxaina.

O percorrido estivo dirixido polo fotógrafo e biólogo Anxo Cao, encargado de ofrecer explicacións sobre a fauna e a flora do entorno, a historia deste enclave e o patrimonio natural que caracteriza o litoral de Cervo.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, participou tamén na actividade xunto ao concelleiro Alfredo Fernández para compartir a experiencia cos asistentes e comprobar de primeira man a excelente resposta que está a recibir esta iniciativa.

A rexedora destacou que estas travesías permiten coñecer os Farillóns desde unha perspectiva diferente, unindo o atractivo da paisaxe coa divulgación ambiental e o valor das tradicións locais. Segundo indicou, a actividade encaixa plenamente coa esencia da Festa da Maruxaina e constitúe un complemento que cada ano esperta un maior interese tanto entre a veciñanza como entre os visitantes.

Caramés tamén puxo en valor a participación das crianzas de Cervo Concilia, ao considerar que este tipo de iniciativas contribúen a que os máis pequenos coñezan e aprecien o patrimonio natural do municipio, reforzando o seu vínculo coa historia e coas tradicións locais. Ademais, incidiu na vontade do Concello de continuar impulsando propostas que axuden a divulgar a identidade de Cervo e a potenciar os recursos turísticos e ambientais da súa costa.

0.12394785881042