As unidades didácticas sobre os segadores da Órrea e os ferreiros de Riotorto reciben o premio Educompostela

TerraChaXa | AMariñaXa
A idea deste material educativo forma parte do proxecto global sobre os segadores desenvolvido ao longo dos anos pola asociación de veciños e veciñas desta parroquia
unidades-didacticas-segadores-ferreiros-riotorto
18 Oct 2024

As unidades didácticas sobre os segadores da Órrea e sobre os ferreiros, respectivamente, acaban de recibir un dos galardóns dos XV Premios Educacompostela de recursos educativos en prol da innovación, da calidade educativa e da renovación pedagóxica, que convocan o Concello de Santiago e o Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega.

Trátase de propostas para o tratamento das aulas, tanto do traballo dos ferreiros como do fenómeno sociolóxico, cultural e económico dos segadores da Órrea en Castela. A idea da elaboración das unidades didácticas forma parte do proxecto global sobre os segadores da Órrea desenvolvido ao longo dos anos pola Asociación de Veciños e Veciñas desta parroquia mirandesa, e culminado coa produción dun exitoso documental no que participaron 31 persoas que viviron o fenómeno da sega en Castela en primeira persoa, documental que foi visto ata o momento por máis de 2.000 persoas en toda Galicia.

A unidade didáctica sobre os ferreiros é da autoría da profesora riotortense Paz López Teijo, mentres que a dos segadores da Órrea foi elaborada polo colectivo Os da tiza, formado por 14 profesores e profesoras nativos/as de Santa Comba da Órrea e que se reuniron para a ocasión.

O xurado destacou no seu veredicto que “estes materiais didácticos, elaborados en clave comunitaria, afondan na recuperación da memoria e da tradición. A primeira fai referencia á realidade da migración forzosa na época da posguerra ata mediados dos anos 60, a súa importancia e consecuencias. Este material está pensado para o alumnado do terceiro ciclo de educación primaria. A segunda unidade didáctica quere poñer en valor os oficios tradicionais, neste caso, dos ferreiros, aborda a problemática da súa desaparición e a súa proxección de futuro. Os seus destinatarios son o alumnado de educación secundaria”. A entrega do premio terá lugar proximamente na casa do concello de Santiago de Compostela.

As dúas unidades serán presentadas no transcurso das V Xornadas da Terra de Miranda, que se celebran os días 18/19 e 26 de outubro en diferentes lugares de Meira, Riotorto, A Ribeira de Piquín e A Pontenova.

Tanto unha como outra, de acceso libre, poden descargarse na páxina web das Xornadas

0.16712999343872