As San Lucas celebrarán 870 anos de historia cunha programación que se estenderá ata o 25 de outubro

AMariñaXa
O cartel deseñado por Diego Núñez anuncia unha edición especial dunha das citas máis emblemáticas de Mondoñedo, con Los Satélites, The Rapants, Abraham Cupeiro ou Los Coleguitas de Venezuela entre os protagonistas
san-lucas-Xa-2026
Actualizada el 7 octubre 2026, 11:35 horas
26 Sep 2026

Mondoñedo volverá converterse en outubro nun dos grandes puntos de encontro da tradición galega coa celebración das San Lucas, que alcanzan os 870 anos de historia mantendo o seu lugar entre as feiras máis antigas que continúan celebrándose en Europa. A programación estenderase do 16 ao 25 de outubro e combinará o marcado carácter gandeiro da cita con música, espectáculos ecuestres, folclore, actividades infantís e humor.

A esencia da celebración seguirá ligada aos cabalos e á actividade gandeira. "O corazón das San Lucas está na baixada dos cabalos e nos curros da feira, que dependen directamente da continuidade da gandería, especialmente da gandería extensiva —da cría de cabalos no monte—, como actividade produtiva, rendible e con relevo xeracional", destacouse durante a presentación, na que tamén se lembrou a Luciano García, da gandería Xan das Bouzas, falecido o pasado mes de xullo.

Os festexos comezarán o venres 16 co pregón de Luis Rego Valcarce, previsto para as 20.30 horas no Auditorio Municipal Pascual Veiga. A primeira xornada completarase coa verbena de Los Players e New York.

Un dos momentos máis esperados chegará o sábado 17, cando os cabalos volverán tomar Mondoñedo. O tradicional paso pola Praza da Catedral está previsto para as 18.45 horas. A música tamén será protagonista con Suavecito e Marbella e, ás 22.30 horas, Keepers e The Rapants ofrecerán un concerto na Praza do Seminario.

A GRAN FEIRA TRADICIONAL E OS CABALOS, PROTAGONISTAS

O domingo 18 celebrarase a Gran Feira Tradicional, unha das xornadas centrais das San Lucas. A oferta cultural incluirá dous concertos de Abraham Cupeiro, ás 17.00 e ás 19.30 horas na Praza da Catedral, ademais das actuacións de Salsarena, Principal e D'Kriss.

A tradición ecuestre continuará cun espectáculo de doma nocturna a cargo de Kevin Ferreira, Javier Simón e Lola Elías, unha proposta que se repetirá o luns 19. Esa xornada estará dedicada tamén aos máis pequenos co Día do Neno e contará coa música de Costa Dorada e Capitol.

A programación continuará o martes 20 coas actuacións de Trébol e Los Satélites, mentres que o venres 23 chegará unha nova xornada de festa con Los Coleguitas de Venezuela na Praza do Concello. O humor terá tamén o seu espazo co monólogo de David Perdomo, ás 20.30 horas no Auditorio Municipal Pascual Veiga.

LUAR NA LUBRE E XABIER DÍAZ, NA RECTA FINAL

O sábado 24 terá un marcado protagonismo da música e da cultura tradicional. A programación incluirá unha sesión vermú con Zest e, desde as 12.00 horas, xogos tradicionais da man de Xotramu.

Ás 17.00 horas comezará un pasarrúas que dará paso a un encontro folclórico na Praza do Concello coa participación de Os do 21 do Vicedo, A Subela de Foz e Ledicia de Burela.

A noite reservará dous dos grandes concertos desta edición. Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre actuarán de balde ás 20.30 horas na Praza da Catedral e, ás 22.30 horas, será a quenda de Luar na Lubre, tamén con entrada gratuíta.

As San Lucas chegarán ao seu remate o domingo 25, cunha sesión vermú protagonizada por Superglú na Praza do Concello.

Mondoñedo afronta así dez días nos que a programación festiva e cultural volverá acompañar unha tradición que leva 870 anos vinculada á cidade, aos cabalos e á feira, conservando a súa esencia gandeira ao tempo que incorpora propostas para públicos de todas as idades.

 

PROGRAMACIÓN

 

 

0.13708114624023