As rúas tínguense de morado para reivindicar a igualdade

AMariñaXa
Os diferentes concellos da comarca fixeron declaracións con motivo do 8M na que estiveron presentes veciños para apoiar ás mulleres neste día.
8M barreiros tecendo cores 4
8M barreiros tecendo cores 4
8 mar 2023

Este 8 de marzo, as rúas tínguense de morado para reivindicar a igualdade entre todas as persoas e para reclamar os dereitos da muller traballadora.

Os diferentes concellos da comarca fixeron declaracións con motivo do 8M na que estiveron presentes veciños e políticos para apoiar ás mulleres neste día.

Ademais das concentracións nas principais rúas houbo e haberá coloquios, charlas, obras de de teatro ou chocolatadas, para conmemorar o Día Internacional da Muller.

Con estas actividades búscase sensibilizar a toda a cidadanía e visibilizar a figura das mulleres así como rexeitar a fenda de desigualdade laboral, salarial e dixital. "A igualdade é un concepto que non admite ambigüidades e a súa finalidade é moi clara: que mulleres e homes desfruten de iguais dereitos e teñan as mesmas obrigas", dixeron.

En Barreiros, a praza do Concello encheuse de cor cos fíos que achegaron mans anónimas cos seus traballos tecedores. "Os fíos para a igualdade tecerán un futuro para Barreiros no que o pasado conte e o presente actúe. E acollerán na calor das súas obras a quen precise dunha rede de sororidade e solidariedade", dixeron desde o Concello.

O Concello de Cervo participou este 8 de marzo nos actos programados polo CEIP Península da Paz, con motivo do Día Internacional da Muller.

A concelleira de Educación e Cultura, Dolores García Caramés, quixo destacar o enriquecedor que resultou a xornada, no seu caso na aula do alumnado de terceiro de primaria, xa que “os/as pequenos/as amosaron moita curiosidade polo traballo que se desenvolve dentro do Concello, e das actividades que se programan” no marco das áreas que dirixe, como son as diferentes actividades culturais ou os programas Cervo Concilia e Enredos, coñecidos pola maioría dos pequenos/as que participan activamente en cada edición. Tamén puxeron de manifesto que están moi ao día da actualidade municipal e das diferentes actuacións que se están a materializar, e aproveitaron a ocasión para facer algunha que outra demanda do seu interese.

En Burela tivo lugar unha concentración a lectura do manifesto institucional a cargo da concelleira de Muller e Igualdade, Noelia Mª Ben Vázquez, para conmemorar o día internacional da muller.

O manifesto do Concello de Burela este ano 2023 fixo énfase na importancia da educación para acadar a igualdade, na necesidade de desmontar os prexuízos e estereotipos machistas e na necesidade de construír diferentes modelos para relacionarnos fomentando actitudes e condutas máis respectuosas e libres de violencia.

Cun pequeno percorrido entre o Concello d0 Vicedo e o banco que fora instalado no porto con motivo do 25N, celebrouse este ano o 8M. Ao final do percorrido houbo un discurso de agradecemento a toda a xente que nos acompañou na camiñata.