As residencias da Deputación celebraron o Día das Persoas Maiores

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, compartiu este martes unha xornada festiva cos residentes dos 9 Centros de Atención de Maiores que a institución provincial ten en funcionamento con motivo da celebración do Día Internacional das Persoas Maiores.
celebracion dia do maior deputacion residencias
10 Oct 2023

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, compartiu este martes unha xornada festiva cos residentes dos 9 Centros de Atención de Maiores que a institución provincial ten en funcionamento con motivo da celebración do Día Internacional das Persoas Maiores. Un encontro no que tamén estiveron presentes o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez; os alcaldes de Meira, Antonio de Dios; de Castroverde, Xosé María Arias; de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo; de Navia de Suarna, José Fernández Fernández; de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela; de Ribadeo, Daniel Vega Pérez; e de Pol, Lino Rodríguez Ónega; así como Teresa Fernández Pérez, concelleira de Servizos Sociais da Fonsagrada.

José Tomé deu a benvida aos maiores e ao persoal das residencias no salón de actos do Pazo de San Marcos, e amosoulles a súa satisfacción por volver a estar xuntos para celebrar este día de festa, no que de seguro “será coma sempre unha xornada moi especial, na que xurdirán conversas e experiencias para recordar”.

Agradeceulles a súa visita e destacou que estes encontros serven para visibilizar a valiosa aportación que fan á sociedade. "Sodes o legado que conforma a nosa historia, sodes os grandes transmisores da sabedoría e da experiencia, e despois de anos de moito traballo é de xustiza que nesta etapa a sociedade vos devolva todo iso con coidados, cariño e benestar".

Durante a recepción, os maiores recibiron varias sorpresas. Unha das máis emotivas foi a proxección dun vídeo que repasou en fotografías e a través de textos os mellores momentos e as experiencias máis divertidas das súas vivencias nos centros nos últimos anos. As imaxes van acompañadas de palabras sacadas do Decálogo de Dereitos das Persoas Maiores resaltando cada momento e dándolle protagonismo ao seu significado, co fin de reivindicar e festexar os seus dereitos en días coma este.

O presidente deu os parabéns aos traballadores e responsables dos centros provinciais por este fermoso traballo, "que vén a demostrar a atención, o cariño e respecto diario que ofrecemos aos maiores nos nosos centros", e que fai, engadiu, "que o modelo asistencial implantado pola Deputación en colaboración cos concellos na súa rede de residencias, centrado na persoas, que favorece o arraigo, xera emprego, dinamiza a económica local e fixa poboación no rural, sexa hoxe un referente en España e en Europa".

Polo tanto, para a Deputación, o Día do Maior, explicou José Tomé, "son todos os días do ano, e seguiremos a traballar para que así sexa, cun proxecto que impulsamos e financiamos en solitario, sen ningún apoio da Administración autonómica, que é a que ten as competencias, porque para nós é fundamental que os nosos maiores reciban unha atención de calidade e digna”.

Previamente á recepción en San Marcos, o grupo realizou unha visita á Produtora do Servizo de Audiovisuais da Deputación. Alí, percorreron as instalacións do centro, coñeceron o traballo que se desenvolve e os segredos da televisión, atrevéndose moitos deles a manexarse co croma e o telepromter para poñerse na pel dos presentadores de televisión. Ao mediodía, autoridades e residentes compartiron un xantar na cidade de Lugo, que se alargou ata a tarde con música e baile antes de regresar novamente aos seus centros. Ademais, os maiores recibiron como agasallo unha mochila cunha gorra e un paraugas da Deputación.

Na actualidade, a Deputación de Lugo conta con nove centros públicos de maiores abertos, situados en Trabada, Pol, Ribadeo, Castroverde, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil, que suman preto de 400 prazas asistenciais e uns 300 postos de traballo directos, aos que hai que sumar os indirectos. Así mesmo, traballa nos proxectos para crear outros nove centros en Guitiriz, A Pontenova, Portomarín, Pantón, Cervantes, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol e Folgoso do Courel.

“O compromiso do goberno provincial de PSOE e BNG coas residencias de maiores é nulo”

Así de contundente se amosou o voceiro provincial do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, despois de ver como o presidente da institución, José Tomé, presumía da súa xestión nun encontro realizado esta mañá con usuarios de residencias.

Antonio Ameijide denuncia “a dobre vara de medir” que teñen no PSOE lucense no referente á xestión das residencias. “Eles presumen da súa xestión —externalizada— mentres se permiten a licenza de criticar ás demais administracións o seu modelo de xestión, independentemente do que sexa”, sinalou.

O voceiro popular realizou esta reflexión, sobre todo, por ter coñecemento de que moitas das residencias da Deputación de Lugo teñen queixas de funcionamento por parte de usuarios e traballadores das mesmas, sendo estes centros que están abertos construídos pola extinta Suplusa, o que evidencia que baixo o mandato de Tomé “non se construíu nin unha soa residencia”.

A realidade é que dende o goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo “abandonouse ás residencias”. “As residencias precisan dun impulso decidido xa que Tomé está a recuar co seu proxecto estrela”, denunciou o popular, ao que engadiu que “tras vender as residencias a bombo e platillo a realidade é totalmente diferente”, tendo como exemplos de abandono os centros de maiores de Becerreá, Guitiriz, Cervantes, A Pobra do Brollón, Courel, Portomarín, A Pontenova, Pantón ou Ourol xa que “sempre atoparon algunha escusa para dilatar a súa apertura ou a súa construción”.

No caso da residencia de Becerreá, a realidade é que as obras do centro remataron hai máis de dous anos, sen que se procedese ao equipamento do mesmo e a súa posta en funcionamento pese a ser unha infraestrutura fundamental para a comarca da montaña luguesa e que terá unha oferta de 136 prazas (96 de residencia e 40 de centro de día).

Segundo os datos aos que tiveron acceso os populares, na residencia de Becerreá aínda falta por rematar a cociña, dotar de mobiliario ou rematar os traballos para conectar o edificio á rede eléctrica.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18564295768738