As persoas produtoras de faba demandan solucións ante as perdas da colleita

AMariñaXa
Destacan como problema as grandes choivas e solicitan unha reunión urxente con Medio Rural
Faba_Lourenza_4decembro
4 Dec 2024

O Sindicato Labrego Galego traslada que decembro chega con malas novas para as produtoras e os produtores de faba, xa que van rematar o ano con perdas de máis do 80 % da colleita. “O problema foron sobre todo as enfermidades do cultivo polas chuvias constantes todo o verán na zona da Mariña, non houbo 3 días seguidos sen que non chovera”, explica a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, Isabel Vilalba Seivane, produtora de faba de Lourenzá. “A humidade e a calor axuda a que proliferen moitas enfermidades, isto fai que os fungos afecten moito máis nun cultivo como a faba”, engade.

Neste momento hai unha situación xeneralizada onde a maioría das produtoras e dos produtores de faba teñen menos do 20 % da colleita que terían outros anos, é dicir, que se perdeu máis do 80 % da colleita.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas solicitamos unha xuntanza coa Consellería do Medio Rural para demandar un plan de apoio ás persoas produtoras de faba con axudas específicas, por unha banda, e, tamén, que se poña a andar un proxecto de investigación para axudar a combater as enfermidades do seu cultivo.

“Aínda que se chaman fabas da Lourenzá trátase dunha produción que engloba o territorio da Mariña, de feito estímase que se produce na Galiza o 30 % de toda a leguminosa que hai no estado español, e a maioría incluso está na Mariña”, sinala Isabel Vilalba. A zona de produción, almacenamento e envasado da faba abarca o territorio da Mariña Luguesa -A Mariña Occidental, A Mariña Central e A Mariña Oriental-, que engloba os concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. No mercado de Lourenzá véndense arredor de 600.000 quilogramos anuais de faba.

Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos que estamos nun momento de inmensa dificultade para esta comarca e que a problemática afecta dunha maneira importante a moitas persoas produtoras e á economía de toda a Mariña, por iso solicitamos con urxencia unha entrevista coa Consellería do Medio Rural para tratar posíbeis solucións. “Cómpre sacar unha liña de axudas para as produtoras e os produtores ante as perdas, pero tamén é fundamental que se estableza unha liña de traballo para axudalas con toda esta situación de enfermidades que afectan ao cultivo derivando tamén de todos os cambios que está habendo no clima”, sentenza a produtora de faba e secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego- Comisións Labregas, Isabel Vilalba Seivane.

0.18470406532288