As parroquias de Ribadeo recibirán charlas para previr estafas
Concello de Ribadeo e a Garda Civil organizan un ciclo de charlas polas parroquias destinadas ás persoas maiores, co obxectivo de previr posibles estafas e contratempos tanto nos seus domicilios como a través de internet.
A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, explica que “este ciclo de charlas, que organizamos a través do programa Preto de Ti, o que pretende é chegar a toda esa poboación de persoas maiores que viven no noso municipio e que adoitan ser o obxectivo fácil das estafas xa sexan por teléfono, a través de internet ou no propio domicilio”.
A edil ribadense sinala: “O que queremos é darlles unha serie de pautas e consellos para mellorar a súa seguridade e quen mellor poden facelos son os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, neste caso a Garda Civil de Ribadeo, a quen lle agradezo o traballo diario que realizan e neste caso que organicen co Concello este ciclo de charlas”.
E engadiu: “Iremos informando das datas e lugares de celebración ao longo dos próximos días, pero van empezar xa este mes de novembro. Aquelas persoas que asistan recibirán un díptico cos consellos, que previamente recibiron nas charlas”.