As obras nos aparcadoiros de Nois e Pico do Castro, de Foz, comezarán nos vindeiros días

Foz
AMariñaXa
As obras nos aparcadoiros de Nois e Pico do Castro, en Foz, comezarán nos vindeiros días. Anunciouno a Deputación
deputacion medio rural aparcadoiro Foz
4 Jul 2022

 A deputada de Medio Rural da Deputación de Lugo Mónica Freire e o tenente alcalde de Foz Xavier Fanego anunciaron o inicio inminente dos traballos para habilitar zonas de aparcadoiro na contorna do colexio de Nois e a carón do cemiterio parroquial, no Pico do Castro.

A responsábel provincial explicou que “tras completarmos o procedemento administrativo, nos vindeiros días comezarán xa as obras nas que vimos traballando conxuntamente desde a área de Medio Rural da Deputación e do Concello co obxectivo de dar unha resposta o máis áxil e eficaz posible ás demandas da veciñanza. Cremos que a colaboración entre administracións é fundamental para que os proxectos saian adiante e se poñan en marcha servizos e espazos que melloren a  calidade de vida das persoas”.

O tenente alcalde Xavier Fanego agradeceu “a disposición da área de Medio Rural da Deputación e o traballo do persoal do Concello para axilizar a tramitación e executar unha obras moi demandanda pola veciñanza,especialmente as do aparcadoiro a carón do colexio Fondo Nois”.

Nesa liña, lembrou que “a asociación de nais e pais do centro trasladounos a necesidade de contar cunha zona de aparcamento próxima, para dar maior fluídez e seguridade á zona no momento da entrada e saída do colexio. Dado que o prazo de execución das obras é dun mes, no inicio do curso disporán xa dese espazo, que durante o verán será tamén moi operativa para as persoas que se acheguen a praia das Polas”.

Medio Rural investirá un total de 37.000 euros no acondicionamento dos dous aparcadoiros, que realizará Tragsa e que inclúen traballos de limpeza, nivelado e afirmado,  así como o marcado das prazas e a sinalización.

O aparcadoiro de Nois, nunha parcela rústica contigua ao CEIP Fondo Nois, acondicionarase con firme de areón compacto e contará cunhas corenta prazas.  A parcela situada a carón do cemiterio parroquial de Foz, que xa se ven empregando como aparcadoiro e, provisionalmente, para acopio de materiais de construción, aglomerarase para subsanar o deterioro que acumula. O proxecto comtempla tamén a creación de corenta prazas.

0.16540193557739