As novas axudas para comedores escolares poderán solicitarse entre o 6 de xullo e o 6 de agosto

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
As bolsas, de 150€, van dirixidas a usuarios de comedores xestionados por anpas, concellos e centros concertados con rendas de ata 6.000€ per cápita
Nenos no comedor escolar
29 Jun 2026

As novas axudas aos usuarios de comedor escolar poderán solicitarse entre o 6 de xullo e o 6 de agosto. O Diario Oficial de Galicia publicou a nova convocatoria, con bolsas de 150€, dirixidas a familias cuxos fillos e fillas empregan este servizo en comedores xestionados por anpas, por concellos ou por centros concertados.

Tal e como explicou no Parlamento o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, o obxectivo desta convocatoria é estender o apoio do Goberno central a máis fogares, ao tempo que nos comedores xestionados pola Xunta se manteñen as actuais bonificacións e prezos conxelados.

Poderán solicitar as novas bolsas as familias usuarias no curso 2025/26 do servizo de comedor escolar xestionado por anpas, concellos ou colexios concertados cuxa renda sexa igual ou inferior aos 6.000€ per cápita. As axudas son compatibles con subvencións doutros organismos destinadas á mesma finalidade, sempre que o importe total non supere o custo do servizo e que se lle comunique á Xunta ter recibido outras bolsas.

A solicitude será única para todos os fillas e fillos, e de ser o caso tuteladas e tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2025/26. Entre outra documentación, as nais e pais deberán presentar unha declaración responsable da entidade xestora do comedor escolar na que se indique que o/a alumno/a utilizou o comedor escolar durante o curso, así como o número de días, o prezo diario do devandito servizo, o importe total pagado e os datos do pagador.

Este é o primeiro ano que se convocan estas bolsas, cun orzamento total de case 3 M€. Tal e como estaba anunciado, a convocatoria aumentará progresivamente tanto en investimento coma en número de beneficiarios. Deste xeito, para o curso 2026/27 abrirase un segundo tramo con axudas de 100€ as de rendas entre 6.000 e 10.000€.

O secretario xeral técnico lembrou que Galicia conta cun dos sistemas de comedores escolares “máis amplos e accesibles de España, unha rede que dá servizo a máis de 85.000 estudantes en toda Galicia, sostida principalmente polo Goberno galego, que xestiona 432 comedores con máis de 64.000 usuarios”, sinalou. Só nos comedores xestionados pola Consellería sérvense 60.000 menús diarios, un total de 11 millóns de menús cada curso, o que se traduce nun investimento que supera os 360.000€ cada día lectivo, cun esforzo anual de arredor de 65,5 M€.

A maiores deste investimento, a Consellería tamén mantén convenios de colaboración con 14 concellos para apoialos na prestación do servizo de comedor, así como con 13 asociacións especializadas na atención a persoas con discapacidade. Ademais, dispón dunha liña de axudas para comedores escolares xestionados por anpas que conta cun orzamento de 1,75 M€ que medrou nos últimos anos.

0.10505294799805