As Noites regresan a Foz cun verán cheo de deporte, xogos e actividades para a mocidade

Foz
AMariñaXa
O programa municipal arrancará o 6 de xullo co fútbol sala 3x3 e incluirá tamén Lasertag, Wipeout, volei praia, fútbol praia e baloncesto 3x3
FOZ as noites 2026
2 Jul 2026

O Concello de Foz pon en marcha unha nova edición de 'As Noites', o programa de actividades estivais dirixido á mocidade que combina deporte, lecer e diversión durante os meses de xullo e agosto. A iniciativa está aberta a rapaces e rapazas a partir de 10 anos e busca ofrecer alternativas de ocio saudable nas noites do verán.

As actividades desenvolveranse en diferentes espazos do municipio, como A Rapadoira, a pista polideportiva Campo da Cabana e o parque Rosalía de Castro, situado ao carón da pista, onde terá lugar o Lasertag. Todas as propostas comezarán ás 22.00 horas.

O calendario arrincará co torneo de fútbol sala 3x3, que se celebrará os días 6, 7 e 8 de xullo no Campo da Cabana. Posteriormente será a quenda do Lasertag, previsto para os días 27 e 28 de xullo. Xa en agosto, o programa continuará co Wipeout, do 3 ao 5; o volei praia, os días 11, 12 e 13; o fútbol praia, do 17 ao 19; e o baloncesto 3x3, que pechará a programación os días 24, 25 e 26 de agosto.

As persoas interesadas en participar deberán enviar por correo electrónico a autorización correspondente e a inscrición do equipo ao enderezo asnoites@concellodefoz.es. A autorización só será necesario remitila unha vez, sen ter que repetila para cada torneo.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día anterior ao comezo de cada actividade, concretamente ata as 00.00 horas do domingo previo. No caso do fútbol sala 3x3, que será a primeira cita do calendario, as autorizacións e inscricións deberán enviarse antes das 00.00 horas do domingo 5 de xullo.

Con esta programación, Foz reforza a súa aposta por un verán activo para a mocidade, con propostas pensadas para fomentar a convivencia, o deporte e a participación en espazos públicos do municipio.

0.13458108901978