As Mulleres Rurais de Lourenzá crean un novo espazo para compartir experiencias e impulsar actividades

Lourenzá conta cun novo espazo de encontro e participación coa Asociación de Mulleres Rurais de Lourenzá, unha entidade que busca favorecer a convivencia, fortalecer os vínculos entre as veciñas e promover actividades coas que compartir experiencias, adquirir novos coñecementos e aproveitar o tempo libre.
Baixo o lema «Un espazo para nós», a asociación pretende construír unha comunidade activa na que as propias socias teñan un papel protagonista á hora de propoñer e organizar iniciativas. A programación estará aberta a diferentes ámbitos e combinará actividades lúdicas, formativas, culturais e de benestar.
Entre as propostas figuran obradoiros de memoria e benestar destinados a exercitar a mente, así como actividades de arranxos florais nas que traballar a creatividade. A gastronomía tamén terá presenza a través de sesións de cociña e repostería para aprender e intercambiar receitas e trucos.
A entidade prevé igualmente organizar merendas e encontros como espazos para conversar e compartir momentos de lecer, ademais de partidas de bingo e outros xogos. A oferta completarase con charlas sobre cuestións de interese para a vida cotiá e diferentes rutas culturais para achegarse ao patrimonio, á historia e ás tradicións da contorna.
Outro dos eixos serán as excursións e saídas, coas que se pretende coñecer novos lugares e favorecer a convivencia entre as participantes. A estas iniciativas sumaranse outras propostas formuladas polas propias socias, xa que a asociación aposta por deseñar a súa actividade de maneira participativa.
A cota anual está fixada en 15 euros. A través destas achegas, xunto coa solicitude de subvencións e axudas, a asociación buscará financiar a organización de actividades, encontros e saídas ao longo do ano.
As persoas interesadas en coñecer máis detalles ou incorporarse á entidade poden contactar coa Asociación de Mulleres Rurais de Lourenzá a través do correo mulleresruraislourenza@gmail.com ou dos teléfonos 686 076 412, 626 941 385 e 639 228 217.