As Letras Galegas celébranse coa Asociación Picato en clave creativa

A Asociación Cultural O Picato organiza un ano máis o seu tradicional Certame das Letras Galegas, que este 2025 alcanza a súa vixésima edición, mantendo o seu carácter participativo e non competitivo. A convocatoria está aberta a toda a cidadanía, desde os 0 ata os 99 anos, sen distinción, e garante un agasallo para todas as persoas que participen.
A temática escollida para esta edición é As nosas letras, que poderá ser abordada a través de debuxos, narracións, poemas ou fotografías. Cada participante poderá presentar un único traballo, debidamente asinado co seu nome, apelidos e idade ao final do mesmo. A obra deberá entregarse nunha única cara dun folio tamaño A4.
Os traballos deberán entregarse antes das 13:00 horas do día 9 de maio, nun sobre pechado, podendo facelo tanto no Spar Express de Trabada coma na Casa do Concello. A entrega de agasallos terá lugar o 17 de maio no Centro Cultural de Trabada, nun acto presencial e festivo que incluirá actuacións, sendo necesaria a asistencia para recoller o agasallo.
Ademais, as obras presentadas serán expostas tanto no propio Centro Cultural como nas redes sociais da Asociación, que se reserva os dereitos de uso das creacións.