As Guerreiras Laranxas logran unha avultada vitoria na que non deron tregua ao equipo neerlandés
Ás 20:30 comezaba o partido entre Pescados Rubén Burela FS e FC Marlène, poñendo así punto e final á primeira xornada da Futsal WEC 2023 Friendly Edition. O equipo lucense saíu con forza desde o primeiro minuto, mantendo unha presión constante sobre o conxunto neerlandés que se mantería durante todo o encontro ata a súa conclusión, dando como resultado un festival de goles.
Ao Pescados Rubén Burela FS bastáronlle tan só uns segundos para poñerse por diante no marcador. Emilly encargábase de abrir o marcador no minuto 1 tras unha confusa xogada na área rival. Cilene sumaríase poucos minutos despois para aumentar a vantaxe no marcador, deixando o resultado ata o final da primeira parte nun 2-0 que puido ser maior debido á presión do equipo galego.
A pesar de ir por diante no marcador, o Pescados Rubén Burela FS non baixou nin unha marcha durante o tempo restante. As de Julio Delgado mostráronse moi superiores ao conxunto de Mo Bouchibti. As Guerreiras Laranxas mostraron en todo momento e durante a segunda parte un control total do esférico que se traduciu nunha avultada vitoria. Aroa, Irene e de novo Emilly sumaríanse á festa de goles; xunto a Kyara de Bruin por parte do club neerlandés nun desafortunado despexe que terminou nun gol en propia porta. Pescados Rubén Burela FS impoñeríase ao FC Marène por 6-0 no momento do asubío final.
Competición:
- 19 de decembro ás 18:00 horas - SL Benfica VS Bitonto C5 Femminile
- 19 de decembro ás 20:30 horas - Pescados Rubén Burela FS VS FC Marlène
- 20 de decembro ás 18:00 horas - Bitonto C5 Femminile VS FC Marlène
- 20 de decembro ás 20:30 horas - SL Benfica VS Pescados Rubén Burela FS
- 21 de decembro ás 18:00 horas - FC Marlène VS SL Benfica
- 21 de decembro ás 20:30 horas - Pescados Rubén Burela FS VS Bitonto C5 Femminile
- 22 de decembro ás 20:30 horas - Gran Final