As Guerreiras Laranxas achéganse á súa sexta Copa da Raiña despois de gañar ao AD Alcorcón en semifinais

AMariñaXa
As Guerreiras Laranxas achéganse á súa sexta Copa da Raiña despois de gañar ao AD Alcorcón en semifinais en Boadilla
Pescados Ruben Alcorcón  cuartos final Copa Raina 2023 3
30 Abr 2023

O polideportivo Rey Felipe VI de Boadilla del Monte acolleu as dúas semifinais da Copa de S.M. a Raíña, ás 13.30 horas o A.D.Alcorcón FSF - Pescados Rubén Burela FS, que rematou cun resultado 1-6 que clasifica para a final ao Pescados Rubén Burela FS. Final que disputará hoxe ás 13.00 horas contra o STV Roldán, que gañou ao Futsi Atlético Navalcarnero cun resultado 4-2. O encontro contra o Alcorcón foi un partido no que o Pescados Rubén mostrouse superior en todo momento, contra un rival moi difícil soubo dominar tanto a defensa como o ataque durante todo o partido acabando o encontro cun resultado moi tranquilizador para o equipo de Julio Delgado.

Na primeira parte non pasa moito tempo ata que Dany encaixa o 0-1 tras un pase de Peque. Continúa presionando o Burela cunha oportunidade de Saki no minuto 7 que sae fóra e outra clarísima de Peque no 8 que para a porteira Estela e logo dá no pau. E no mesmo minuto chega o 0-2 coa veloz Irene Samper tras un pase de Antía. Chega o gol do Alcorcón con Clau López no minuto 17 e segundos despois outra oportunidade clarísima de Peque que sae fóra. Chega o descanso con resultado 1-2 para o Burela FS.

No segundo tempo comeza atacando o equipo mariñán con Irene, Peque, Emilly e Dany e no minuto 24 Patricia atopa o gol que tanto buscaba (despois de varias oportunidades na primeira parte) e no 28 chega o 1-4 cun golazo de Emilly despois de roubar o balón a media pista e continuar ela soa o contraataque ata a portería contraria. No minuto 29 Guillermo Camarón decide optar xa pola porteira-xogadora, pero a sólida defensa do Burela non se permite un erro, chegando o 1-5 cun tiro de Peque a portería baleira no minuto 33 e o 1-6 final tamén con Peque cun gol de falta tras a sexta falta do Alcorcón.

Un Julio Delgado moi orgulloso do seu equipo, valora o encontro como "un partido moi serio" no que "fixeron maxia hoxe". Cunha moi boa primeira parte, con moitas ocasións e unha segunda parte na que matizaron os detalles necesarios para saír vitoriosas, sempre dándoo todo. Facendo fincapé na importante ausencia de Cilene, un piar fundamental no equipo, prefire manter a súa boa saúde que arriscala por un título. Recoñece que sente favorito e, aínda que pode pasar o contrario, espera e sente que hoxe o Burela FS proclamarase o equipo campión da Copa da Raíña por sexta vez, a quinta consecutiva.

Pescados Ruben Alcorcón  cuartos final Copa Raina 2023 2
0.21009922027588