As experiencias de Turismo Slow continúan este sábado 25

AMariñaXa
Do 22 de outubro ao 12 de novembro desenvolveranse na Mariña e en Ferrolterra seis xornadas de turismo slow,
220323 Foto aventura Viveiro
23 Mar 2023

Esta fin de semana seguen as experiencias de turismo slow da Mariña Lucense. Deron comezo o pasado 11 de marzo e prolongaranse ata o 23 de abril. O 25 de marzo chegan a Ourol e Viveiro. Dito programa de actividades está organizado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense.

As experiencias de Turismo Slow continúan este sábado, 25 de marzo, con dúas actividades moi diferentes. Por un lado o carpinteiro francés Sebástien Léprevost ofrecerá un obradoiro para coñecer todo o ciclo da madeira e fabricar unha pequena peza no seu taller de Ourol e, por outro Roqsport ofrece vivir unha experiencia diferente en familia e en plena natureza no seu Parque de Aventura de Viveiro, onde se poderán realizar os distintos circuítos de diferentes dificultades entre árbores atravesando pontes, pasarelas, tirolinas, etc e un percorrido de orientación con explicacións sobre o manexo do compás, interpretación de mapas, etc.

As actividades do Turismo Slow toman un descanso e volven despois da Semana Santa. O 15 de abril en Ribadeo Raíces Nómadas Atelier ofrece un obradoiro para aprender as técnicas básicas da marroquinería fina; coser a man, acabado de bordes e todo o preciso para que cada asistente elabore o seu propio bolso e o leve acabado. Coa posibilidade de ampliar a experiencia cunha estancia na Cortiña de Cantalarrana.

E o 22 e 23 de abril no Lugar das Marías en Xove, Iria Pigueiras ofrecerá un taller de iniciación á cerámica para coñecer de primeira man diferentes técnicas, materiais, texturas e pigmentos así como crear varias pezas deseñadas por cada asistente seguindo un proceso creativo dinámico e colaborativo, nun entorno excepcional como é a aldea e o xardín deste aloxamento. A experiencia inclúe merenda, pernoita, cea e almorzo.

É posible consultar información máis detallada sobre as actividades (horarios, prezos, etc) así como realizar a reserva, no seguinte enlace: https://www.reservaonline.support/turismoslow/index.html

As actuacións vinculadas a esta iniciativa, que teñen que ver principalmente coa coordinación e promoción do programa, están financiadas ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, cofinanciado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo en colaboración coa Deputación de Lugo.

220323 Foto aventura Viveiro
0.20125508308411