As Escolas Deportivas Municipais de Barreiros protagonizan unha xornada especial no Anxo Carro

LugoXa | AMariñaXa
As nenas e nenos saíron ao céspede acompañando aos xogadores do CD Lugo nunha iniciativa para visibilizar a importancia do deporte base
Escolas-Deportivas-Barreiros-CD-Lugo
15 Mar 2026

As nenas e nenos das Escolas Deportivas Municipais de Barreiros viviron unha tarde especial no Estadio Anxo Carro, onde tiveron a oportunidade de saltar ao céspede acompañando aos futbolistas do CD Lugo antes do encontro fronte ao Real Madrid Castilla.

A iniciativa, impulsada pola Deputación de Lugo a través da súa Vicepresidencia e polo propio club albivermello, tivo como obxectivo poñer en valor o papel das actividades que promoven o deporte base e fomentan hábitos saudables entre a infancia.

Durante a xornada, os pequenos e pequenas tiveron ocasión de compartir o túnel de vestiarios cos xogadores do equipo lucense, antes de acompañalos ao terreo de xogo nun momento especialmente emotivo para eles. Posteriormente, seguiron o partido desde as bancadas do estadio e, unha vez rematado o encontro, volveron ao céspede para desfrutar durante uns minutos da experiencia de pisar o campo do Anxo Carro.

O deputado de Mocidade e concelleiro de Participación e Dinamización Cultural de Barreiros, Daniel García, destacou a emoción coa que os rapaces e rapazas viviron este momento. Segundo sinalou, a ilusión que mostraron durante toda a actividade reflicte a importancia destas iniciativas para seguir fomentando o deporte desde idades temperás.

García tamén quixo agradecer a implicación da técnica de Deportes do Concello e das familias das nenas e nenos participantes, cuxa colaboración resulta fundamental tanto para a organización de actividades puntuais como para o funcionamento diario das Escolas Deportivas Municipais. Neste sentido, subliñou que, xunto cos clubs locais, estas escolas conforman unha importante rede de promoción do deporte e da actividade física entre a poboación infantil.

0.11636304855347