As comidas e ceas na rúa da Feira Renacentista de Viveiro xa poden solicitar autorización municipal

AMariñaXa
As solicitudes poderán tramitarse entre o 15 e o 28 de xuño e incluirán tamén o préstamo de material municipal con límite de dispoñibilidade
mercado-renacentista-viveiro
15 Jun 2026

O Concello de Viveiro habilitará entre o 15 e o 28 de xuño o prazo para solicitar autorizacións destinadas á celebración de comidas e ceas na rúa con motivo da Feira Renacentista 2026, que se celebrará o 11 de xullo.

As persoas interesadas deberán empregar un formulario específico no que se poderá pedir tanto a ocupación de espazos públicos como, no seu caso, o préstamo de material municipal. Estes formularios estarán dispoñibles no Rexistro municipal e na páxina web do Concello.

No caso dos establecementos hostaleiros, a solicitude deberá tramitarse a través da sede electrónica e con certificado de representación cando se faga en nome do negocio.

O Concello lembra que será obrigatorio presentar solicitude tanto por parte de particulares como de hostaleiros, incluso cando non se precise material municipal ou se utilicen espazos xa habilitados como terrazas, xa que en todos os casos é necesaria a autorización de uso do espazo público.

En canto ao material dispoñible, o préstamo estará limitado á veciñanza e non incluirá mesas nin cadeiras para establecementos hostaleiros. Poderanse solicitar ata 35 taboleiros, 70 cabaletes e 250 cadeiras.

A concesión realizarase por orde de rexistro e ata esgotar existencias. As autorizacións serán gratuítas, aínda que cada solicitante asumirá a responsabilidade do uso da actividade e da correcta devolución do material prestado.

0.11954593658447