As charlas para familia continúan este martes en Viveiro

O Concello de Viveiro acollerá este martes, 14 de abril, unha nova sesión do ciclo de charlas para familias incluído no seu programa formativo. Nesta ocasión, a actividade leva por título “Acompañando á puberdade. Cambios e desafíos” e será impartida pola matrona María González, que abordará esta etapa do desenvolvemento desde unha perspectiva práctica e próxima, ofrecendo orientación e ferramentas útiles para as familias.
A charla terá lugar no Salón de Plenos do Concello ás 19:00 horas. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo. Trátase dun espazo pensado para a información, a reflexión e o apoio ás familias arredor dunha etapa clave no desenvolvemento persoal.