As avarías na rede de auga provocan cortes puntuais en Ribadeo á espera da súa renovación integral

Ribadeo está a sufrir nas últimas semanas novas roturas na súa rede de abastecemento de auga, unha situación que está a provocar incidencias e problemas puntuais de subministración en distintos puntos do concello. O alcalde, Dani Vega, pediu desculpas publicamente polas molestias ocasionadas, ofreceu colaboración directa ás persoas afectadas e insistiu en que estas avarías teñen a súa orixe no mal estado xeral da tubaxe, unha situación que, segundo subliñou, quedará solucionada coa renovación integral da rede.
O rexedor explicou que as roturas se están producindo de maneira recorrente, algo que, ao seu xuízo, era previsible polo deterioro acumulado ao longo dos anos. Segundo indicou, “rotura tras rotura da tubaxe da nosa rede de abastecemento de auga, todos somos conscientes de como se atopaba e por iso era fundamental priorizar e decidir cales eran as obras máis importantes para Ribadeo”. Neste sentido, lembrou o esforzo económico realizado para impulsar a renovación da infraestrutura, cun investimento total de 8,5 millóns de euros, dos cales 7,5 foron xestionados directamente polo Concello para iniciar as actuacións de mellora.
Dani Vega detallou que a situación actual está a provocar problemas case diarios, con incidencias que afectan tanto a vivendas particulares como a explotacións gandeiras. “Estamos colaborando con todas as persoas afectadas para dar unha resposta inmediata, tanto desde o Concello como en coordinación coa empresa concesionaria do servizo, Viaqua, co obxectivo de atopar solucións rápidas mentres non chegue a definitiva”, explicou.
O alcalde volveu insistir nas súas desculpas e sinalou que, desde a chegada do actual goberno municipal, sempre se advertiu do risco elevado de sufrir problemas graves na rede. Segundo afirmou, “hai un 95 % de posibilidades de que o concello teña problemas moi importantes de tubaxe, non por falta de auga, senón polo estado das conducións”, lembrando que durante décadas non se acometeu unha renovación en profundidade malia tratarse dunha infraestrutura básica.
Vega recoñeceu que as actuacións actuais son medidas provisoriais e que a verdadeira solución pasa pola renovación completa da rede de abastecemento, unha obra que será adxudicada en breve pola Xunta de Galicia. “Agardamos que nos próximos días se dea luz verde a este proxecto clave para Ribadeo, que permitirá deixar atrás anos de parches e avarías constantes”, concluíu.
O rexedor quixo tamén agradecer o intenso e rápido traballo realizado polos operarios de Viaqua, que están a actuar con axilidade para minimizar as consecuencias das roturas e restablecer o servizo no menor tempo posible.