As atletas do Ría de Foz entre a elite nacional e internacional de cross

Foz
AMariñaXa
Falamos con Rosalía Rodríguez Gigirey Villar, atleta e presidenta do Club Atletismo Ría de Foz sobre o paso do equipo polo Campionato de España
atletismo-foz-italica
30 Nov 2024

Por Amanda Fernández

Parque arqueolóxico de Itálica, Sevilla, Campionato de España de cross por equipos absoluto feminino, un cross internacional, e un equipo mariñán. As atletas do Club de Atletismo Ría de Foz viaxaron ata aló co fin de acadar o mellor posto. Son Rosalía Rodríguez Gigirey Villar, Ana Santiso, Romina Reimondo, Carla Trillo e Sara Reimondo. "Ao ser campioas galegas conseguimos clasificarnos para este Campionato de España", explica a atleta e presidenta do Club, Rosalía Rodríguez Gigirey Villar.

As atletas de Foz disputaron en xaneiro en Ribadavia o Campionato galego de campo a través por equipos e individual. "Iamos empatadas no absoluto feminino co Ourense atletismo, pero gañámoslles a posición da última praza", confesa. Tanto as primeiras clasificadas como as segundas conseguían o pase automático ao Campionato de España. Finalmente, o Ourense atletismo non puido participar e no seu lugar foi o Compostela.

"UNHA VEZ DENTRO QUERÍAMOS OPTAR Á MELLOR POSICIÓN NA TÁBOA"

Viaxaron a Itálica e coincidiron cun cross internacional, polo que competiron a nivel individual neste e por equipos no propio Campionato de España. "Era nunha mesma carreira, só tiñamos que correr unha vez", sinala Rosalía. Como equipo, as atletas do Ría de Foz, tiñan o obxectivo de conseguir meterse na clasificación do Campionato de España porque tiña unha particulariedade: "Nesa competición ao ser un cross internacional si te dobran, obrígante a retirarte e como mínimo tiñamos que chegar catro á meta para poder puntuar".

Así, tiñan que, por un lado, evitar que non as "dobrara ningunha para poder puntuar o equipo" e, por outro, que o equipo quedase na mellor posición posible. Finalmente, conseguiron entrar na clasificación do Campionato de España e quedaron no posto 22 dos 30 equipos nacionais que había en total.

"Foi en campo a través, era un circuito de dous quilómetros e medio, tiñamos que dar tres voltas e foron sete quilómetros e medio máis ou menos. Tiñamos que correr o que puidesemos", confesa Rosalía. Recoñece que a propia clasificación para o Campionato de España xa era "unha ilusión par ao club" e que ano tras ano van medrando. "Somos un equipo relativamente pequeno e clasificarnos para un Campionato de España absoluto en categoría feminino xa era en si un éxito", recoñece. O feito de chegar a disputalo era a expectativa e fíxose realidade polo que Rosalía e as súas compañeiras querían gozar da oportunidade de "correr coa elite nacional e incluso internacional". Así o lembra: "Foi o poder desfrutar dunha carreira como os de elite por dicilo dalgunha forma".

A mellor clasificada do Club Atletismo Ría de Foz foi Sara Reimondo, novena no Campionato. "O resto de integrantes quedamos do posto 100 en diante, pero quédome coa experiencia vivida xuntas. Ao final cada unha traballa nos seus sitios e tampouco é que nos vexamos moito durante todo o ano. Cada unha adestra o que pode dentro do que lle permite o traballo e non todas estamos nin en Foz. Sara, por exemplo, vive en Madrid e eu en Ponferrada", comenta Rosalía. Por este motivo é moi difícil que se vexan e o feito de estar unha fin de semana enteira xuntas, "estivo moi ben", recoñece.

O ATLETISMO, UNIÓN E "MÁIS QUE CORRER"

Este campionato en Itálica permitiulles gozar xuntas do atletismo, unha paixón que comparten así como correr "coas mellores de España". Para ningunha destas atletas, este deporte é a súa profesión, senón unha afección. "Gústanos moito, pero non nos dedicamos profesionalmente a isto", fai referencia Rosalía.

O próximo reto das atletas do Río de Foz serán en xaneiro deste 2025 para consolidar o título de campioas galegas que lles outorgue o pase para o Campionato de España. "Queremos tentar ser de novo campioas galegas de campo a través por equipos e eu, a nivel individual, quixera participar no Campionato galego de pista cuberta en febreiro", manifesta.

Un soño máis por acadar nun deporte que Rosalía comezou a practicar xa dende pequena en Foz: "Para min poder ter un club de atletismo en Foz como o noso foi todo un soño porque naquel momento só podías correr cos colexios concertados". Así, destaca o feito de que nenos e nenas tiveran a oportunidade de probar a facer atletismo no club e coñecer máis das distintas disciplinas. "Moitos pensan que é só correr e descoñecen completamente en que consiste", expresa.

Ademais de desfrutar dos beneficios do atletismo tamén atopan no club unha oportunidade para coñecer a crianzas de distintos colexios e procedencias: "Así poden crear amigos fóra da zona escolar. De feito, agora organizamos o Run Foz Run Nadal para o día 22 de decembro no campo da Cabana.  Haberá diversas actividades e para todas as idades. Serán uns cinco quilómetros e tamén hai andaina. Se alguén se anima ten tempo para anotarse".

0.1658980846405