As alfombras florais volverán encher Foz nas festas do Carme

O Concello de Foz presentou a programación das festas do Carme 2026, que se celebrarán entre o 10 e o 16 de xullo cun amplo calendario de actos relixiosos, culturais e festivos. A celebración volverá converter as rúas da vila nun punto de encontro para veciños e visitantes, mantendo como un dos seus sinais de identidade as tradicionais alfombras florais e a procesión da Virxe do Carme.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explicou que os preparativos das alfombras xa están en marcha grazas ao traballo dos veciños das rúas polas que discorrerá a procesión deste ano. O percorrido incluirá o barrio do Campo da Cabana, a rúa do Mar e a parte superior da praza Rosalía de Castro.
Desde o Concello fan un chamamento á participación cidadá para continuar mantendo viva esta tradición. Así, quen o desexe poderá colaborar tanto nos traballos previos de tinguidura do serrín, preparación das flores e elaboración dos deseños como na confección das alfombras, que terá lugar durante a tarde do 15 de xullo.
A programación festiva arrancará o venres 10 coa apertura do mercado e das atraccións de feira en horario de tarde, mentres que a novena na igrexa parroquial comezará o día 7.
O martes 14 celebrarase un dos actos máis destacados coa lectura do pregón, prevista para as 20.30 horas, despois da misa de novena cantada por Mar Aberto. Nesta edición a pregoeira será María Nelle Castro Neira, moi vinculada desde a infancia ás festas do Carme e ao mundo do mar. Traballou como redeira e, desde os anos oitenta, forma parte do coro parroquial, ademais de participar activamente na elaboración das alfombras florais da rúa do Mar.
As verbenas comezarán o mércores 15. A xornada incluirá a misa de fin da novena, cantada pola Coral Polifónica de Foz, mentres que a partir das 22.30 horas a explanada portuaria acollerá a actuación das orquestras América SL e o grupo Origen. Ao longo de toda a tarde, a veciñanza continuará elaborando as alfombras florais abertas tamén á colaboración dos visitantes.
O xoves 16 será o día grande das festas. A misa solemne celebrarase ás 12.00 horas na Praza Conde de Fontao, acompañada musicalmente por Mar Aberto. A continuación sairá a procesión da Virxe do Carme, coa participación da Banda de Música de Foz e coa tradicional ofrenda ás persoas falecidas no mar.
Os actos continuarán coa sesión vermú, prevista para as 14.00 horas na explanada portuaria e amenizada pola orquestra Alianza. Pola noite, a verbena correrá a cargo da propia Alianza e do grupo Kubo.
As celebracións prolongaranse un día máis, o venres 17, coa celebración do Día do Neno. O concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández Neira, anunciou que a partir das 16.30 horas instalaranse inchables e actividades gratuítas na Praza Conde de Fontao para o desfrute dos máis pequenos.
Pola súa banda, o alcalde de Foz, Fran Cajoto, destacou que as festas do Carme representan "unha celebración de unión entre familias e amigos, marcada pola emoción e pola profunda vinculación da vila co mar". Ademais, subliñou que o cartel deste ano rende homenaxe ás redeiras e ao labor que desempeñan para facer posible a actividade pesqueira, así como ás persoas que cada ano dedican tempo e esforzo á elaboración das alfombras florais, unha das tradicións máis emblemáticas destas festas.