‘Arte’ de Hipócrita Teatro inaugurará os ciclos de teatro de Trabada

AMariñaXa
O salón de actos da Casa da Cultura acollerá unha obra de teatro mensual
Hipócrita-Teatro-en-Xove
1 Nov 2024

‘Arte’, de Hipócrita Teatro, servirá para dar comezo o próximo 2 de novembro aos Ciclos Teatrais 2024/2025 do Concello de Trabada.

O salón de actos da Casa da Cultura acollerá unha obra de teatro mensual, con entrada gratuíta e todas o primeiro sábado de cada mes ás 21.00 horas. En decembro, chegará a quenda de ‘Rosalía Café’, do grupo A Adala Futura, o sábado 7.

“Unha nova edición dos nosos ciclos de teatro, que cada vez teñen unha mellor aceptación entre os nosos veciños e veciñas, enchendo nalgunha ocasión o salón de actos da Casa da Cultura”, asegura o alcalde de Trabada, Rubén García. “Desta forma, damos continuidade a esta actividade, dentro dunha programación cultural ao longo do ano con propostas para todas as idades”, engade.

O programa continúa no mes de xaneiro. Colectivo Cultural Ollomaio traerá a obra Pan con chocolate o día 4 e o 1 de febreiro é a quenda de O centiño que presenta A morte morrida. O sábado 1 de marzo poderase desfrutar de A Adala de Fazouro coa peza Unha morta moi viva e o 5 de abril Trípode leva ao escenario A presa. O 3 de maio Ardora representará Aire fresco e o 7 de xuño O Batán pechará o ciclo con Promesas de galos.

0.16651487350464