'Arruguiñas' leva obradoiros, estimulación cognitiva e terapia con cans á residencia de Cervo

AMariñaXa
O programa municipal amplía as súas actividades ao Centro de Día Residencia, onde tamén se reorganizaron os espazos para facilitar a rehabilitación e as propostas colectivas
Ximnasio-programa-arruguiñas-maiores-Cervo
20 Oct 2026

As persoas usuarias do Centro de Día Residencia de Cervo contan con novas actividades para favorecer a socialización, a estimulación cognitiva e o benestar grazas á chegada do programa municipal Arruguiñas ás instalacións. A iniciativa inclúe obradoiros de manualidades, exercicios para traballar as capacidades cognitivas e sesións de intervención asistida con animais.

Entre as propostas destacan os obradoiros "Coas túas mans", orientados a estimular a creatividade mediante actividades prácticas, e os talleres de habilidades cognitivas, centrados na atención, a concentración e a psicomotricidade. Ademais, unha monitora acompaña as persoas residentes todas as tardes e dinamiza as actividades para favorecer a interacción e manter as súas capacidades.

O programa incorpora tamén sesións de intervención asistida con cans, desenvolvidas coa colaboración de Emotivavet e a cadela Tila. Estas actividades buscan favorecer a expresión emocional, a comunicación e as relacións sociais, creando momentos de conexión e benestar para as persoas participantes.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou recentemente a residencia para coñecer a evolución do centro e as melloras realizadas nas instalacións. Entre as novidades figura a reorganización dos espazos promovida pola nova xerencia, que trasladou o ximnasio á planta 0 para facilitar o seu acceso e uso, e reservou a sala da planta -1 para as actividades das persoas residentes.

Esta distribución permite contar cun espazo específico para as propostas colectivas e destinar o ximnasio ao exercicio físico e á rehabilitación funcional, co obxectivo de contribuír ao mantemento da mobilidade e da autonomía das persoas maiores.

García Caramés destacou a importancia de ampliar Arruguiñas ao centro residencial e de adaptar as instalacións ás necesidades dos seus usuarios. "Para nós é fundamental que Arruguiñas chegue tamén ás persoas usuarias do CDR. Queremos que poidan desfrutar de actividades que lles resulten estimulantes, que lles permitan compartir momentos, manter as súas capacidades e sentirse acompañadas", sinalou.

A rexedora tamén puxo en valor a combinación de actividades de estimulación, acompañamento e intervención asistida con animais, xunto coa mellora dos espazos, como unha forma de contribuír á calidade de vida das persoas residentes.

Con esta ampliación, o Concello de Cervo reforza a súa aposta polo envellecemento activo e por iniciativas que promovan a autonomía, a participación e o benestar das persoas maiores.

0.1484169960022