Arruguiñas despide o curso tras reunir a máis dun centenar de maiores en Cervo

Máis dun cento de veciños e veciñas de Cervo maiores de 60 anos puxeron fin esta semana a unha nova edición de Arruguiñas, o programa municipal orientado a promover hábitos de vida saudables, a participación social e o benestar da poboación sénior.
O acto de clausura serviu para recoñecer a implicación das persoas participantes ao longo de todo o curso. Durante a xornada fixéronse entrega dos diplomas acreditativos e tamén dun tulipán amarelo como detalle de agradecemento pola súa constancia e compromiso coas diferentes actividades desenvolvidas durante os últimos meses.
Ao longo do ano, Arruguiñas ofreceu unha ampla programación destinada a fomentar un envellecemento activo. Entre as propostas incluíronse sesións de exercicio físico, actividades de memoria e estimulación cognitiva, psicomotricidade, talleres terapéuticos, charlas divulgativas e iniciativas formativas adaptadas aos intereses dos asistentes.
Unha das novidades desta edición foi a incorporación de clases de inglés práctico enfocadas a situacións cotiás. A iniciativa permitiu aos participantes adquirir nocións básicas para desenvolverse con maior autonomía durante viaxes, compras ou conversas sinxelas, ampliando así a oferta educativa do programa.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou a elevada participación rexistrada e puxo en valor o interese das persoas maiores por continuar aprendendo e compartindo experiencias. Tamén subliñou a importancia destes espazos para favorecer a convivencia, fortalecer as relacións sociais e contribuír a unha mellor calidade de vida.
A rexedora agradeceu igualmente o labor das monitoras encargadas das distintas actividades, cuxo traballo considerou fundamental para consolidar o éxito dunha iniciativa que continúa medrando ano tras ano.
Desde o Goberno local avanzaron ademais a súa intención de manter este programa nas vindeiras edicións, reafirmando a aposta por accións que promovan a autonomía, a participación e o benestar da veciñanza maior.