Arrincan en Trabada as obras dun circuíto pump track para bicicletas e patíns

O Concello de Trabada deu inicio esta semana á construción dun novo circuíto pump track no complexo deportivo municipal, unha iniciativa que pretende ampliar a oferta deportiva e de lecer para a mocidade e a veciñanza en xeral. O proxecto está financiado mediante un convenio coa Deputación de Lugo, cun investimento que supera os 50.000 euros.
O pump track será un espazo especialmente deseñado para a práctica de bicicletas, patíns, monopatíns e outros vehículos sen motor, adaptado a distintos niveis de habilidade e idades, o que suporá un novo atractivo para o complexo.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “continuamos ampliando a oferta deportiva neste espazo que se converteu nun punto de encontro clave para o deporte e o lecer no noso concello. No complexo deportivo de Trabada xa se construíron unha pista de pádel, unha pista multideporte, un campo de bolos tradicionais, unha tirolina infantil e, recentemente, instalouse tamén un novo tobogán para os nenos e nenas. Este novo pump track vén completar esa aposta pola actividade ao aire libre, accesible e para todas as idades”.
Desde o Concello subliñan que o principal obxectivo é “seguir creando espazos seguros, activos e integradores que contribúan á saúde, á socialización e ao desenvolvemento do rural a través dunha rede de instalacións públicas modernas e de calidade”.