Arrinca o Domingueo en Ribadeo coa gastronomía e a música como protagonistas

AMariñaXa

O 21 de abril arrinca o Domingueo en Ribadeo, que organizan o Concello e Acisa.

2024 Domingueo en Ribadeo
2024 Domingueo en Ribadeo
19 abr 2024

O 21 de abril arrinca o Domingueo en Ribadeo, que organizan o Concello e Acisa. Durante dúas fins de semana, esta nova edición coincidirá “co noso concurso gastronómico o Ribadeo de Tapeo. Gastronomía e música irán da man os días 21 e 28 de abril”, sinala a concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz.

Este vindeiro domingo Kike Suárez Trío actuará no peirao de Porcillán a partir das 13.00 horas para animar o tapeo e o vermuteo nesa zona da vila. E o 28 de abril o Domingueo fará escala na rúa San Francisco. “A partires de aí e ata o mes de xullo a música chegará á contorna da Praza de Abastos, á Avenida Rosalía de Castro, á rúa San Roque, á Praza de Abaixo e tamén á Zona Vella”.

Saiz agarda que “as mañás de sete domingos, xa animadas en Ribadeo, o sexan aínda máis”. A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliña que “calquera domingo é bo para vir a Ribadeo a pasear, a mercar no comercio local, a gozar da hostalería, das súas terrazas e da súa gastronomía”. Se algunha destas mañás dominicais “as aderezamos con música, a combinación é perfecta”.