Arrinca a terceira edición da moeda ribadense, A Pancha

AMariñaXa
Do 1 de setembro ao 31 de decembro desenvolverase a terceira edición da Pancha, a moeda local de Ribadeo.
moneda pancha ribadeo
12 Ago 2021

Do 1 de setembro ao 31 de decembro desenvolverase a terceira edición da Pancha, a moeda local de Ribadeo. Os negocios que queiran participar na campaña deberán inscribirse do 12 ao 27 de agosto. Neste 2021 a compra e o uso das panchas será totalmente dixital, a través do Panchapeto. 

A nova campaña da moeda local, A Pancha, está dotada cun investimento de 150.000 euros, financiada con fondos propios do Concello, máis os custes de operativa, organización e promoción, o que vai supoñer un retorno de máis de 600.000 euros en valor de negocio para os comercios, a hostalería e os establecementos de Ribadeo.

Nesta terceira edición, e tendo en conta as condicións sanitarias, a compra e o uso da moeda vai ser totalmente dixital, a través dun moedeiro dixital, o Panchapeto. A dixitalización da Pancha simplifica e vai mellorar o uso da moeda local porque os usuarios xa non terán que acudir á sucursal da entidade bancaria para comprar e recoller os seu billetes físicos. Deste xeito tanto para os establecementos como para os usuarios vai ser suficiente contar cun teléfono móbil smartphone, desde o que poderán facer todo o proceso de compra de Panchas, de pago nos establecementos e, por parte dos comerciantes, de cobro. O sistema de pagos e cobros vai estar baseado en códigos QR.

Esta nova versión da Pancha vai facilitar tamén o pago aos establecementos adheridos porque xa non van ter que acudir a validar os tickets de venta ao Concello senón que os pagos se realizarán de forma automática e cunha periodicidade semanal, ao quedar todos os datos das vendas rexistrados na aplicación de cobros.

Pola súa banda mantéñense as características principais da Pancha doutros anos, como a compra en packs de 30 euros, polo que se recibirán 40 panchas cun valor nominal de 40 euros. Cada persoa maior de idade poderá comprar un máximo de 7 packs de 30 euros, polo que recibiría o contravalor de 280 Panchas. Mantense tamén o límite de 80 Panchas por cada compra e a partir desa cantidade a diferenza deberá abonarse en euros.

Os requisitos para poder adherirse son sinxelos: ter un establecemento aberto en Ribadeo de xeito permanente, ser unha persoa autónoma, unha micropeme ou unha empresa e desenvolver unha actividade que estea contemplada dentro dos epígrafes que son obxecto da subvención. O prazo de adhesión dos establecementos vai dende o 12 ata o 27 de agosto. O proceso, que é moi sinxelo, vai realizarse a través da páxina web www.pancharibadeo.com, na que tamén se pode consultar toda a información sobre a operativa e as características da Pancha do 2021. E para os consumidores o prazo de compra, de uso e de disfrute das Panchas irá dende o día 1 de setembro ata o 31 de decembro.

0.19797682762146