Arrinca a programación polo 8M en Ribadeo

AMariñaXa
Ribadeo celebrará o Día Internacional das Mulleres, para reivindicar os dereitos das mulleres con diferentes actividades
040323 Foto presentacions actos 8M Ribadeo
040323 Foto presentacions actos 8M Ribadeo
5 mar 2023

Como cada ano a Concellería de Igualdade conmemorará o  8 de marzo, Día Internacional da Muller, para reivindicar os dereitos das mulleres e render homenaxe a todas as que loitan pola defensa da igualdade.

A Área de Igualdade do Concello de Ribadeo programa un mes de marzo centrado nos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller, e que se desenvolverá con actividades de diferente índole para reforzar o principio de igualdade.

A concelleira Mónica Freire explicou que “arrincamos reivindicando co pintado de 38 pasos de peóns a mulleres pioneiras que fixeron historia polas súas iniciativas nos seus respectivos campos co obxectivo de facer reflexionar e de concienciar á cidadanía. Como xa anunciamos deste xeito pretendemos visibilizar a mulleres como Manuela Barreiro, Luz Pozo Garza e Concepción Arenal, entre outras, que romperon cos estereotipos establecidos pola cultura patriarcal abrindo novos espazos para as seguintes xeracións de mulleres”.

A edil ribadense anunciou que “ao longo do mes editarase un folleto onde, xunto ao rueiro de Ribade, estarán sinalizados os de peóns cos nomes de cada unha das 38 mulleres. Ademais o vindeiro luns, 6 de marzo, dentro do programa O Concello cos Coles a poeta Olga Novo, galardoada co premio Nacional de Poesía en 2020,  visita ao alumnado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e Escola Oficial de Idiomas. E o 8 de marzo adherímonos e chamamos á participación na manifestación feminista 8M, organizada por varios colectivos, que sairá ás 20:00 horas do aparcadoiro situado a carón da rotonda do instituto”.

Freire Rancaño seguiu a contar que “o 11 de marzo ás 20.00 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval Leilía traerán as súas Vidas Cantadas a Ribadeo, un concerto moi especial. Despois de máis de 30 anos sobre os escenarios as pioneiras Leilía están inmersas na súa xira de despedida. A entrada xeral terá un prezo de 10 euros e para persoas desempregadas, estudantes ou xubiladas será de 5 euros. Ao día seguinte, o 12 de marzo, Trinke Trinke Teatro representará O ratiño presumido ás 17:30 H na Biblioteca Municipal O Vello Pancho. Trátase dunha versión adaptada do conto popular que aborda o tema da igualdade de xénero para romper cos estereotipos. A entrada será de balde ata completar a capacidade do espazo”.

A concelleira de Igualdade engadiu que “a partir do 18 de marzo de 11 a 13:30 horas na Casa do Viejo Pancho ofrecemos un  obradoiro  de biodanza  para mulleres Movéndonos cara o botrato, que será impartido por Mari Fidalgo, psicóloga e facilitadora autorizada de Biodanza SRT. Esta actividade ten unha frecuencia quincenal con 4 sesións en total,  os días 1, 15 e 29 de abril ademais do 18 de marzo . As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición que poderá facerse nas Oficinas do CIM ou no teléfono 982120739 ata o 10 de marzo. As clases son gratuítas”.

A Área de Igualdade do Concello de Ribadeo anima “á cidadanía a que participe en todos os actos programados para este mes de marzo  e lembre o destacado papel que a muller xoga na sociedade”.