Arias visita o CEIP de Riotorto na xornada de inicio do curso escolar

TerraChaXa | AMariñaXa
No centro está a realizar a obra de rehabilitación integral que executa o Goberno galego cun orzamento preto de 520.000 euros
inicio-curso-escolar-ceip-riotorto
12 Sep 2024

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou neste primeiro día de curso o CEIP de Riotorto, onde finalizará proximamente a obra de rehabilitación integral que executa o Goberno galego cun orzamento preto de 520.000 euros.

Arias apuntou que no conxunto da provincia de Lugo retornaron ás aulas 32.392 estudantes dos niveis de educación Infantil (5.387), Primaria (13.774), ESO (9.891), Bacharelato (3.270) e Educación Especial (70). No municipio de Riotorto incorpóranse 35 nenos e nenas de Infantil e Primaria.

Entre as novidades implantadas este ano para seguir mellorando a calidade da educación en Galicia, Arias destacou a baixada das ratios de alumnos por aula de 25 a 20 alumnos, o incremento no número de docentes e o reforzo das medidas de apoio ás familias.

Tamén fixo fincapé “na aposta do Goberno galego por igualar as condicións do ensino en todo o territorio”, o que se traduce en medidas como plan de modernización das infraestruturas educativas, que este ano ten en marcha 112 actuacións en colexios e institutos de Lugo cun investimento total que supera os 7,2 millóns de euros.

Unha das máis destacadas é a reforma que se acomete no CEIP de Riotorto, que está previsto que remate a finais de outubro. O ritmo das obras intensificouse no verán, de xeito que xa están completados os traballos interiores de construción de falsos teitos, pintura e instalación de iluminación LED.

A renovación da cuberta tamén está practicamente finalizada – a falta de colocar un canlón – e agora estase a traballar no illamento polo exterior cun sistema tipo SATE e na instalación da caldeira de biomasa que substituirá á antiga de gasóleo. Arias destacou que os traballos que quedan son compatibles co normal desenvolvemento das clases. “Despois desta intervención as instalacións serán máis confortables e sostibles, xa que se acadará un notable aforro enerxético”, apuntou.

Inicio do curso no CFEA Pedro Murias de Ribadeo

O delegado tamén participou na apertura do curso dos dous ciclos de Formación Profesional Dual Intensiva que imparte o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias de Ribadeo.

Este ano o centro conta co grao medio de Produción Agroecolóxica e o de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural. As clases xa comezaron en ambos e o prazo de matrícula continúa aberto.

Arias destacou as altas taxas de empregabilidade da FP dual, en especial a modalidade intensiva, na que os estudantes reciben formación teórica no centro educativo e práctica -remunerada- nun centro de traballo. Isto favorece a súa inserción laboral, xa que adquiren experiencia previa.

No caso do CFEA Pedro Murias, hai 22 empresas adheridas ao convenio para realizar as prácticas do ciclo de Produción Agroecolóxica e 11 no ciclo de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural.

0.16014885902405