Aprobadas as dedicacións exclusivas da alcaldesa e do edil de Obras en Viveiro

O pleno extraordinario do Concello de Viveiro aprobou as dedicacións exclusivas da alcaldesa, Mariña Gueimunde, do PP, e do concelleiro de Obras, Parques e Xardíns, Vicente Vázquez Chao. A rexedora percibirá 59.000 euros brutos anuais e o edil, 25.500 euros, en ambos casos repartidos en 14 mensualidades.
A medida saíu adiante cos votos a favor dos sete concelleiros do PP e os dous de Por Viveiro, mentres que PSOE e BNG optaron pola abstención. A retribución global mantense en 84.500 euros, a mesma cifra que destinaba o anterior goberno bipartito, pero cunha redistribución diferente.
A oposición manifestou discrepancias. A exalcaldesa socialista María Loureiro cualificou o reparto como “desproporcionado”, ao destinarse o 70 % do orzamento ao soldo da rexedora. Pola súa banda, Míriam Bermúdez (BNG) reclamou máis dedicacións en lugar dun aumento salarial, afirmando que "a política non debe ser un medio de enriquecemento, senón un servizo á cidadanía".
Desde Por Viveiro, Bernardo Fraga defendeu o seu apoio á proposta ao considerar que se axusta ao orzamento establecido no mandato anterior.