Aprazan a segunda Carreira de Andadura en Cervo
AMariñaXa
A cita está organizada coa colaboración do Concello na Pista Ecuestre contruída con fondos municipais o pasado ano
5 sep 2024
O Concello de Cervo ía ser escenario da II Carreira de Andadura, que se celebraba este sábado 7 de setembro na recentemente inaugurada pista ecuestre da Bidueira. Finalmente e debido ás desfavorables condicións metereolóxica, a cita organizada pola asociación Cabaleiros da Bidueira coa colaboración do Concello, aprázase e protono anunciarán as novas datas da competición que foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, o edil de Zona Rural, Adrián Arias, e representantes da asociación Cabaleiros da Bidueira, organizadora do evento coa colaboración do Concello.
Deste xeito, a estrada Rio Cobo-San Ciprián, para a que estaban anunciados cortes de tráfico, estará aberta con total normalidade. A xornada algutinaba carreiras das distintas categorías: sub 16, serrada +1,50, serrada -1,50, chapeada +1,50, e chapeada -1,50, habendo case 2.000 euros en premios, ademais de trofeos e medallas para os participantes. O xinete que consiga superar o mellor tempo da pista, actualmente fixado en 29,76 segundos, tamén recibirá un trofeo especial.
A pista ecuestre da Bidueira, onde terá lugar a competición, foi construída recentemente grazas a un investimento superior aos 40.000 euros procedentes das arcas municipais. Segundo o Concello, esta infraestrutura naceu da colaboración cos afeccionados ao mundo cabalar de Cervo, que teñen unha longa tradición na zona. A creación desta pista foi posible grazas a un convenio entre a Comunidade de Montes, que cedeu os terreos, e o Concello, que aportou a financiación necesaria, creando así un espazo seguro e apto para a práctica da equitación no municipio.