Aprazado o Descenso de Carrilanas da Pontenova por motivos administrativos

GaliciaXa | AMariñaXa
A organización anunciará proximamente a nova data da proba e garante a validez dos seguros xa abonados ou a devolución do importe no caso de non poder asistir
baixada-carrilanas-folgoso
22 Jul 2026

O Descenso de Carrilanas da Pontenova non se celebrará finalmente na data prevista. A organización do evento comunicou o seu aprazamento por motivos administrativos e informou de que nos próximos días dará a coñecer a nova data na que se desenvolverá esta popular competición.

Desde a organización trasladan unha mensaxe de tranquilidade ás persoas inscritas, especialmente ás que xa abonaron o seguro de día. Segundo explican, ese pagamento manterá a súa validez para a nova convocatoria. Ademais, no caso de que algún participante non poida asistir cando se fixe a nova data, procederase á devolución íntegra do importe abonado.

A proba estaba prevista para o 25 de xullo e contaba cun programa que se estendería ao longo de toda a xornada. As actividades ían comezar coa verificación das carrilanas na Praza dos Fornos entre as 9.00 e as 10.00 horas, para dar paso posteriormente aos adestramentos e á primeira manga oficial da competición.

A programación incluía tamén un pincho de confraternidade para os participantes ao mediodía e, xa pola tarde, dúas mangas oficiais máis, tras os correspondentes remontes dos vehículos.

A organización lamenta as molestias que este cambio poida ocasionar e agradece a comprensión de participantes e afeccionados, aos que anima a permanecer atentos ás canles oficiais, onde se comunicará a nova data da celebración do Descenso de Carrilanas.

0.12349200248718