Ángel Rodríguez Castedo expón a necesidade dun sistema eficaz de atención á dependencia nunha charla na Deputación

TerraChaXa | AMariñaXa
O Presidente, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, xunto a membros do Goberno Provincial e Municipal, veciños e representantes de colectivos sociais da provincia, participaron este xoves na conferencia Envellecemento e Atención á Dependencia.
11 Apr 2019

O Presidente, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, xunto a membros do Goberno Provincial e Municipal, veciños e representantes de colectivos sociais da provincia, participaron este xoves na conferencia Envellecemento e Atención á Dependencia. Impactos Económicos e Sociais, impartida por un dos promotores da Lei de Dependencia e veciño da provincia de Lugo, Ángel Rodríguez Castedo.

Ex director do IMSERSO e natural de Sarria, Rodríguez Castedo defendeu a necesidade de incrementar a inversión pública en servizos sociais e atención aos maiores en España. Segundo expuxo, “o noso sistema de protección social ten un nivel de gasto público notablemente inferior ao dos países da nosa contorna europea. Gastamos na área de protección social uns 55.000  millóns de euros menos, cada ano, que a media da UE. Isto tradúcese nunha oferta de infraestruturas, servizos e prestacións claramente deficitaria, tanto cuantitativa como cualitativamente, á hora de responder á elevada demanda de coidados. De aí a desesperante e inxustificable situación na que se atopan ao redor de 250.000 persoas dependentes que se atopan en lista de espera para recibir a atención que teñen recoñecida”.

Así mesmo, Rodríguez Castedo, que foi un dos promotores da Lei de Dependencia aprobada por unanimidade no Congreso dos Deputados no ano 2006, apuntou que “actualmente, o sistema creado con esta lei non garante nin a suficiencia de servizos e prestacións previstos, nin a calidade da atención prestada, ten unha implementación de baixo custo, desenvolveuse nun contexto de forte crise económica, de excesivos recortes orzamentarios e de baixa prioridade política. Todo iso configurou un sistema insuficiente para atender adecuadamente a demanda”.

Xeración de emprego

O conferenciante expuxo as oportunidades que representa impulsar o sistema de atención a dependentes no tocante á xeración de emprego e a igualdade de oportunidades. Así, subliñou que “o desenvolvemento dos servizos ligados ao coidado das persoas dependentes supón un importante potencial de xeración de emprego. Segundo estudos realizados por ADYGSS e pola Comunidade de Castela-León, 1 millón de euros investido en dependencia xeraría uns 50 empregos, por tanto, con medio punto de PIB crearíanse entre 240.000 e 300.000 empregos directos”.

Rodríguez Castedo falou tamén da necesidade dun novo modelo estrutural para a economía do país. “Un dos maiores problemas que temos é un paro moi consolidado. Apostamos por sectores que son intensivos en man de obra pero son estacionais como o turismo. É necesario apostar tamén por sectores que son intensivos en man de obra non estacional, senón permanente e non deslocalizable como é a dependencia”.

“Ademais dos retornos directos e indirectos sobre o mercado de traballo, o aumento do gasto público asociado á atención da dependencia suporía importantes aforros e ingresos fiscais, entre os que hai que destacar o descenso de prestacións por desemprego, o incremento dos ingresos por cotas da Seguridade Social e os ingresos procedentes do IVE e do Imposto de Sociedades das empresas prestadoras de servizos, así como o incremento da recadación do IVE vía consumo e da recadación do IRPF aplicable aos salarios dos novos traballadores”.

Igualdade de oportunidades

“Moitas máis mulleres que homes declaran non buscar emprego por estar ao coidado dunha persoa dependente. Igualmente, moitas máis mulleres que homes asumen, pola mesma razón, empregos a tempo parcial. O desenvolvemento do Sistema de atención á dependencia, vía coidados profesionais, tería un importante impacto na calidade de vida das familias e permitiría a decenas de miles de mulleres integrarse en pé de igualdade cos homes no mercado laboral, incrementando, dunha parte, a taxa de poboación activa e en consecuencia a produtividade e contribuíndo, doutra, a unha importante corrección da taxa de desemprego do noso país”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17045998573303